Novas

luns, 07 de outubro de 2019

María Teresa Deus analizou con comerciantes e hostaleiros a liña de subvencións dedicada ao sector

Explicoulles que o obxectivo é que se concedan todos os fondos da partida e que o Concello prestará “todo o apoio” para presentar a documentación e xustificar as axudas


María Teresa Deus analizou con comerciantes e hostaleiros a liña de subvencións dedicada ao sector

A concelleira de Economía, María Teresa Deus, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes de asociacións para analizar a liña de subvencións para o comercio, a hostalería e os mercados. Na reunión estiveron representadas ACOF Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, a Asociación ECHO Catabois, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, a Asociación Multisectorial Ultramar Village, a Asociación de Vendedores do Mercado da Magdalena, a Asociación de Vendedores do Mercado de Recimil, a Asociación HoscomproCanido, a Asociación de Empresarios de Ferrolterra e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal. 
Deus avanzoulles que a convocatoria destas axudas está só pendente da ordenanza xeral de subvencións, que se levará a pleno proximamente, e que estará dotada cun presuposto de 65.000 euros. Tamén explicou que o Concello aportará un 80 % das actividades e que cada entidade poderá presentar un máximo de seis iniciativas, que terán un límite conxunto de 20.000 euros de subvención. O Concello prestaralles ás asociacións “todo o apoio para xestionar a presentación e a xustificación destas subvencións”, detallou a edil, que asegurou que o obxectivo é que se logre “conceder todo o diñeiro da partida”. Deus considera que estas liñas de axudas son de “gran importancia” para dinamizar o tecido económico da cidade. 
Entre os gastos subvencionables estarán os eventos, campañas e actividades dirixidas a darlles promoción aos servizos comerciais, hostaleiros e dos mercados, a dinamizar a oferta para fidelizar aos clientes, a apoiar a comercialización de produtos de calidade e a promover produtos ou eventos identificativos da zona. Tamén os cursos, as xornadas e as exposicións dirixidos a mellorar a calidade dos servizos e a formación dos profesionais destes sectores, como, por exemplo, os orientados ao manexo de idiomas e das novas tecnoloxías. Outras iniciativas incluídas serán a edición de material promocional e os gastos de xestión, organización ou coordinación, neste último caso, ata un máximo do 20 % do importe subvencionado por actividade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar