Novas

xoves, 10 de outubro de 2019

Elena Candia presentou no Concello de Ferrol as festas das San Lucas

A alcaldesa de Mondoñedo estivo acompañada por Ángel Mato, que animou aos ferroláns a acudir ás celebracións


Elena Candia presentou no Concello de Ferrol as festas das San Lucas

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o presidente da comisión de festas das San Lucas, Miguel Souto, presentaron hoxe no Concello de Ferrol “por primeira vez” as celebracións mindonienses, que este ano contan como novidade destacada cun Festival Intercéltico no que participarán Gwendal, Lunasa e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Ambos estiveron acompañados polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que animou a todos os ferroláns a acudir a unhas festas que “os que xa as coñecen saben que paga a pena ir”. Mato destacou que ambas cidades están irmandadas, o que converte a Ferrol, tamén irmandada con Lugo, na urbe “máis lucense de toda a provincia da Coruña”. 

Souto abundou nesa idea e dixo que a presentación en Ferrol obedece, precisamente, a que se trata de “concellos irmáns”. Lembrou que As San Lucas é “unha das feiras máis antigas de Europa” e que o ano pasado xa se presentara nas sete capitais do antigo Reino de Galicia. Destacou tamén que Ferrol ten moita relación co mundo do cabalo, porque na súa comarca “nai moitísima afección”, e que este é un dos atractivos dos festexos mindonienses. “É un espectáculo que paga a pena ir velo”, asegurou. 
Elena Candia expresou o seu agradecemento a Mato (“por acollernos e acompañarnos”, dixo) e convidou a todos os ferroláns a que se animen a visitar Mondoñedo durante os tres días das festas porque alí poderán gozar “dun programa que suma música, gastronomía e tradición”, e, sobre todo, lle dá continuidade a un patrimonio inmaterial do que os seus veciños se senten “moi orgullosos”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar