Novas

mércores, 09 de outubro de 2019

O alcalde e a ministra de Industria en funcións analizaron a situación de Ferrol e as súas oportunidades de futuro

Ángel Mato trasladoulle a Reyes Maroto os retos que afronta o sector naval e o abano de posibilidades que abren as novas tecnoloxías e as renovables para a cidade


O alcalde e a ministra de Industria en funcións analizaron a situación de Ferrol e as súas oportunidades de futuro

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, aproveitou a visita da ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, a Alcoa para analizar con ela algunhas das principais cuestiones relacionadas co seu departamento que afectan á cidade. Ambos repasaron a situación do sector naval, un asunto no que Mato lle dixo á ministra que Navantia “debe seguir apostando por fabricar barcos sen desaproveitar outras potencialidades”. Entre elas, referiuse á fábrica de turbinas, “un referente a nivel de mecanizados dende hai anos” e que levou o mantemento de infraestructuras tan importantes como centrais enerxéticas. Por iso, trasladoulle Mato, debería explotar “as oportunidades que abren as renovables”. 
O rexedor tamén lle expuxo a posibilidade de crear un centro tecnolóxico na cidade que aproveitase tanto a presenza de Navantia como o Campus Industrial, e en concreto os estudos de Enxeñaría Naval e Oceánica e de Enerxías Renovables que ofrece. Sería un gran paso, explicou, para poñer a Ferrol á cabeza das tecnoloxías referidas á eólica mariña, á eólica terrestre ou ao gas licuado e “ir avanzando no posicionamento tecnolóxico” que lle devolva á cidade “o que foi” neste campo.
 
Estaleiro 4.0 e Programa Reindus 
Outro aspecto do que falaron Mato e Maroto foi o desenvolvemento do taller de bloques que ten previsto Navantia, así como do estaleiro 4.0, xa que con eses pasos, a empresa, como “motor da industria local”, axudaría a que o resto de compañías da zona se fosen adaptando e implantando as novas tecnoloxías. 
Ángel Mato tamén lle agradeceu que o Goberno de Pedro Sánchez lle teña dado un impulso ao Programa Reindus, a través do que se acadaron inversións dunha “importante contía”, pero tamén lle solicitou que a Administración central siga apostando por darlles “un impulso” a estes fondos, e de maneira especial os ligados ás enerxías renovables.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar