Novas

mércores, 09 de outubro de 2019

Ángel Mato destaca que a ensinanza académica entre as persoas de máis idade ten “máis valor que nunca”

O alcalde acudiu esta mañá ao acto de presentación do novo curso da Universidade Sénior do campus de Ferrol


Ángel Mato destaca que a ensinanza académica entre as persoas de máis idade
ten “máis valor que nunca”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acudiu esta mañá ao acto de presentación do novo curso académico da Universidade Sénior, onde estivo acompañado por Araceli Torres, vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol; María Matilde García, directora do programa Sénior, e Alberto Sucasas, subdirector e responsable do programa en Ferrol. Tamén estiveron presentes no salón de actos do campus os novos alumnos, este ano 75, polo que se cobre el 100% das prazas.
Tras explicar as opcións que ofrece a Universidade Sénior fora do plan de estudios, tales como o coro, o Centro de Linguas, a Oficina de Cooperación e Voluntariado e o área de Cultura, o alcalde de Ferrol quixo resaltar a importancia do coñecemento “por si mesmo” e lembrou que o Concello está “firmemente comprometido” co traballo do campus e, en concreto hoxe, con uns estudios que se abren á poboación de máis de 50 anos. Mato dixo que a Universidade Sénior responde a necesidades formativas “diferentes ás habituais”, máis relacionadas con “inquietudes e intereses persoais que coa vida profesional”, dixo, pero no por iso menos importantes.
Ángel Mato lembrou que nunha sociedade “coa esperanza de vida “afortunadamente cada vez máis alta, fomentar as ensinanza académica entre as persoas de máis idade ten máis valor que nunca”. En ocasións, dixo, significará darlle a alguén a “oportunidade de cursar estudos aos que nunca puido acceder e, en outras, servirá para retomar camiños que a vida laboral ás veces pecha por falta de tempo”. Neste punto, o alcalde recoñeceu sentir “certa envexa” tras repasar o listado de materias e, sobre todo, “ver que moitos se interesan polo Taller de Cine, pois son un gran afeccionado”.

O rexedor insistiu en que o Concello “estará sempre ao lado da Universidade” en todo en canto necesite para “estreitar lazos e integrar á comunidade na cidade”, xa que o campus “é un dos grandes valores que ten Ferrol”. Desexou aos alumnos que o curso “colme as súas aspiracións” e lles proporcione “esa satisfacción única que dá o coñecemento”. Pola súa banda, María Matilde García quixo agradecer ao alcalde a “implicación” do Concello no campus ferrolán, “sempre foi sensible a esta iniciativa”, dixo a directora do programa Sénior.

Actuación do coro sénior
O acto de presentación do novo curso comezou coa actuación do coro da asociación de alumnos sénior, que interpretou o Gaudeamus Igitur. Ao finalizar, e con todos os asistentes de pé, cantaron o himno galego.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar