Novas

venres, 01 de novembro de 2019

Ponse en marcha a constitución do primeiro Consello Sectorial municipal de Benestar de Ferrol

A comisión informativa do xoves ditaminou por unanimidade a favor da creación dun órgano que busca mellorar a calidade de vida dos colectivos máis vulnerables


Durante a comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada o pasado xoves ditaminouse por unanimidade a favor da creación do primeiro Consello Sectorial municipal de Benestar co que contará a cidade de Ferrol. A concelleira da área, Eva Martínez Montero, levou o pasado mes a comisión o borrador e agora os grupos deron o seu apoio á iniciativa.  

Deste modo a consellería sacaría adiante e por primeira vez en Ferrol o Consello Sectorial Municipal de Benestar Social, un órgano para a promoción das políticas sociais municipais da cidade e das asociacións vencelladas co benestar social. 

A finalidade do consello é potenciar o benestar social e mellorar a calidade de vida dos colectivos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión ou exclusión social da cidade de Ferrol mediante a participación activa de representantes das institucións e das súas asociacións nos asuntos municipais do seu interese. 

Entre as súas funcións está fomentar a participación directa na xestión de cada área de actuación municipal das persoas e das entidades interesadas, promover e fomentar o asociacionismo vencelledo coa política social, asesorar ao Concello sobre as actuacións que este realicen no ámbito de actuación da Administración local, fomentar a aplicación de políticas e actuacións municipais, canalizar denuncias fundadas de conductas discriminatorias, sensibilizar á cidadanía en materia de benestar e política social e cooperar con outros consellos de Benestar Social. 

Composición 
A presidencia do novo Consello Sectorial estará constituída polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez. En vicepresidencia haberá unha persoa elixida democraticamente entre a cidadanía que participará a título individual e outra entre as persoas que participan en representación das asociacións. No Consello haberá tamén un representante por cada un dos partidos políticos con representación no pleno e representantes de entidades cidadáns inscritas no rexistro municipal de entidades cidadáns relacionadas co sector ou co interese na materia. Por último, poderán formar parte do consello persoas a título individual, maiores de 16 anos, que manifesten interese na materia do Concello.  

Eva Martínez, concelleira de Benestar Social, explicou que o obxectivo da concellería coa constitución do primeiro Consello Sectorial Municipal de Benestar Social de Ferrol é “promover e aumentar a participación cidadá e escoitar ás entidades sociais da cidade, mellorar a xestión en asuntos sociais e optimizar os recursos”.
 
 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar