Novas

luns, 04 de novembro de 2019

Trinta mulleres participan desde hoxe no curso sobre o manexo de móbiles na Casa da Muller

A concelleira da área, Cristina Prados, inaugurou o taller gratuíto que imparte o Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas en colaboración co Concello de Ferrol


Trinta mulleres participan desde hoxe no curso sobre o manexo de móbiles na Casa da Muller

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, inaugurou esta mañá na Casa da Muller o curso sobre o manexo de móbiles que esta semana imparte INICE (Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas), dentro do seu programa Accións en favor da Igualdade subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, en colaboración co Concello de Ferrol. 

Un total de 30 veciñas participan no programa que, tal e como explicou a edil, está dirixido a mulleres empadroadas en Ferrol e pretende incidir na formación para mellorar a súa incorporación á sociedade e que estea presente nos novos sectores de emprego utilizando de forma habitual as novas tecnoloxías. Entre os seus obxectivos tamén está evitar o despoboamento das zonas rurais, especialmente as máis deprimidas. O temario inclúe axustes de teléfono, personalización da pantalla, xestión de contactos, uso do correo electrónico, galería de imaxes, WhatsApp, Facebook, Youtube e, por último, descargar e eliminar aplicacións.  

Prados animou ás participantes a “sacar o maior proveito” do curso e lembrou a “importancia de manexar as novas tecnoloxías”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar