Novas

mércores, 06 de novembro de 2019

A Policía Local controla o uso das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida

Durante dez días, os axentes revisaron ata en 315 ocasións os 302 espazos destinados a este fin en Ferrol e comprobaron que o 76 % estaban ocupadas correctamente


A Policía Local controla o uso das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida

Axentes da Policía Local de Ferrol ven de executar unha campaña de seguridade dirixida ao “Control de Indisciplina no Estacionamento que afecta a Persoas con Mobilidade Reducida” (PMR) entre os días 14 e 27 de outubro. Durante os dez días que durou a campaña, controláronse ata en 315 ocasións as 302 prazas coas que conta o conxunto do municipio. 


Unha vez rematada, o informe recolle que o 76 % do total de prazas revisadas estaban ocupadas por vehículos que exhibían a correspondente tarxeta homologada de PMR, un 4 % carecían do documento acreditativo -e polo tanto foron obxecto da correspondente denuncia administrativa-, e un 20 % estaban libres no momento da súa revisión. 

Durante a campaña os axentes non se atoparon con prazas ocupadas por vehículos con tarxetas falsas o fraudulentas. Ditas irregularidades tramitaríanse pola vía xudicial ao tratarse dunha falsificación de documento público sen estar lexitimado para iso. 

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, valorou positivamente o informe e mostrouse “moi satisfeito” polo “civismo dos veciños, que respectan unhas prazas de aparcamento de imperiosa necesidade para os seus usuarios”. O edil aproveitou a ocasión para agradecer aos ferroláns “esta convivencia dos espacios de estacionamento”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar