Novas

mércores, 06 de novembro de 2019

O proxecto europeo MMIAH liderado por Ferrol preséntase por vez primeira na feira de turismo de Londres

A World Travel Market London celébrase esta semana e supón unha importante cita para o sector turístico internacional


O proxecto europeo MMIAH liderado por Ferrol preséntase por vez primeira na feira de turismo de Londres

O proxecto europeo MMIAH (programa Interreg) para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial da costa atlántica está presente na World Travel Market London, unha importante cita para o sector turístico internacional que se celebra esta semana en Londres. A quinta edición da feira WTM presenta varios destinos ante un público especializado de profesionais de viaxes, unha “oportunidade única”, segundo a organización, para conectar coa industria do turismo. Neste caso, un dos participantes no MMIAH, a cidade de Plymouth, leva á feira londiniense a iniciativa europea para mostrar os elementos patrimoniais das cidades participantes no proxecto integrado -ademais de por Ferrol e Plymouth- por Cádiz, Ílhavo (Portugal), Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda). As concelleiras implicadas no programa europeo, María Teresa Deus, de Turismo, e Eva Martínez, de Patrimonio Histórico, destacan que trátase dunha “magnífica oportunidade de tentear as posibilidades que ten esta rede de cidades unidas polo seu patrimonio marítimo, militar e industrial, e de comezar a sacar rédito de dito producto nunha feira importante para o sector como é a de Londres”. 


Deste modo, no apartado de patrimonio militar, o Concello pon en valor riquezas como o Castelo de San Felipe, as baterias da costa, o Ferrol da Ilustración e o Museo Naval. No industrial, mostra o estaleiro, Exponav, o dique das mareas da Cabana o a ruta da construcción naval. Finalmente, o MMIAH destaca como patrimonio marítimo de Ferrol o Camiño Inglés, o museo da Sociedade Galega de Historia Natural e a celebración do Sail The Way, celebrado por vez primeira o pasado verán. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar