Novas

xoves, 07 de novembro de 2019

Unha campaña promovida polo Concello e Urbaser informará sobre a correcta xestión dos residuos

Desenvolverase do 15 ao 29 de novembro e incluirá carteis, anuncios e o reparto de case 50.000 folletos entre a cidadanía


O Concello de Ferrol e a empresa responsable da recollida de residuos e da limpeza viaria, Urbaser, desenvolverán na segunda metade deste mes unha campaña informativa sobre correcta xestión do lixo. Aínda que está destinada á cidadanía en xeral, dedicará unha parte específica ao comercio, por ser un sector que xera diferente volume de residuos concretos, como poden ser vidro ou cartón. Ademais da difusión a través dos medios de comunicación da cidade, entre as accións figuran o reparto de folletos, a colocación de carteis e as charlas. 


Os distintos soportes recollen indicacións prácticas sobre os colectores de quita e pon, o sistema porta a porta, a forma correcta de separar os residuos ou o funcionamento do punto limpo, entre outros temas. Nos establecementos comerciais entregaranse 1.000 carteis, mentres que 5.000 dípticos serán repartidos polo centro urbano mediante buzoneo. Outros 43.000 folletos faranse chegar aos fogares conxuntamente co recibo da auga. Tamén estarán dispoñibles para os veciños 1.000 imáns con explicacións sobre a forma de clasificar o lixo. E para traballar na concienciación dos máis pequenos sobre a necesidade de contribuír á xestión adecuada dos residuos e á reciclaxe, están programadas charlas en nove colexios ferroláns. 

Esta iniciativa servirá para achegar aos cidadáns algúns dos aspectos máis descoñecidos que ofrece o servizo, como as recollidas porta a porta de papel e cartón (de luns a venres) e de vidro (os luns, os mércores, os venres e os sábados), ambas destinadas ao comercio, pero que poden aproveitar o resto dos veciños seguindo unhas indicacións concretas. Tamén os horarios do punto limpo e os materiais que se poden depositar alí, así como a posibilidade de que a propia empresa concesionaria traslade a el os residuos voluminosos no caso de que os particulares non teñan os medios adecuados para levalos. 

Para a concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, este tipo de campañas informativas redundan na concienciación dos cidadáns sobre a necesidade de facer un uso axeitado dos medios dos que dispón o Concello para a xestión do lixo. Isto, por unha banda, “mellora a limpeza das rúas”, e por outra, “contribúe ao respecto polo medio ambiente”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar