Novas

xoves, 07 de novembro de 2019

A concellería de Benestar Social inicia unha campaña de promoción dos cinco comedores sénior

Busca optimizar un recurso no que ata agora só se viñan ocupando arredor do 60 % das prazas dispoñibles


A concellería de Benestar Social inicia unha campaña de promoción dos cinco comedores sénior

A concellería de Benestar Social vai iniciar unha campaña de promoción dos comedores sénior, catro dos cales (na cidade hai cinco) contan con vacantes. Segundo avanzou esta mañá a concelleira Eva Martínez Montero, dentro das accións que a súa área está a levar a cabo para optimizar a utilización dos recursos dos que dispón o Concello, váiselles dar máis visibilidade a estas instalacións que dispoñen de 100 prazas, das que nos últimos tempos só se estaban a cubrir cerca do 60 %. Para a edil, os comedores sénior “constitúen un instrumento importante para combater a soidade entre as persoas maiores, sobre todo as máis vulnerables”, ademais de supoñer unha axuda á hora de que leven unha dieta axeitada. De aí “a necesidade desta campaña informativa”, que inclúe o reparto de tarxetas e a colocación de carteis explicativos en edificios públicos e centros de saúde. 


Martínez Montero tamén explicou que, aínda que a xestión destes espazos inclúe xa a realización dalgunhas actividades, o Concello vén de adquirir xogos de mesa (xadrez, cartas, parchís, palabras cruzadas, damas, bingos...) para ampliar as posibilidades de ocio dos usuarios. 

Entre as actividades que se desenvolven de forma habitual está o bingo social, que ten como obxectivo xerar beneficios para a saúde física, mental e afectiva dos maiores; a celebración de festividades, con elaboración de menús especiais para os días de Reis, entroido, aniversarios, as Pepitas ou o Día Internacional do Maior; ou as charlas sobre diabetes que impartiu o mes pasado a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra. 

A concelleira de Benestar Social informou tamén de que se está a buscar unha solución ao comedor de San Pablo, xa que é o que tería máis problemas de espazo de cara a un aumento de usuarios. A alternativa estaría dentro do centro cívico, sempre contando co acordo das entidades do barrio e os usuarios do comedor.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar