Novas

xoves, 07 de novembro de 2019

O festival infantil de teatro do Concello recibe mañá venres en Caranza a máis de 230 escolares dos colexios de Ferrol

Nenos de entre 4 e 6 anos acudirán á representación de “A Perla”, incluída na programación municipal gratuíta de Festea prevista ata o mes de decembro


O festival infantil de teatro do Concello recibe mañá venres en Caranza a máis de 230 escolares dos colexios de Ferrol

A representación de A Perla dirixida a escolares dos centros educativos de Ferrol recibirá maña ao redor de 230 nenos de entre 4 e 6 anos. Trátase dunha das sesión que integra a programación do festival infantil gratuíto Festea organizado polo Concello de Ferrol ata o mes de decembro. Terá lugar ás once da mañá no centro cívico de Caranza. Pola tarde, ás 18 horas, haberá unha nova sesión dirixida ao público en xeral. 


Nesta ocasión, a compañía portuguesa Historioscopio Teatro levará ao escenario unha fabula submarina ao son de cancións orixinais onde o nenos se somerxerán nun océano máxico e sensorial que fará pensar sobre as consecuencias ambientais dos nosos hábitos de consumo. 

A programación de Festea, que arrincou a mediados de outubro, inclúe actuacións infantís en distintos espazos do municipio ata o mes de decembro. Así, o sábado 9 de novembro no Torrente Ballester ás 12.30 horas e na asociación de veciños de Pazos ás 19 horas terá lugar a representación da obra Joao Pateta, tamén da compañía Historioscopio Teatro. O sábado 16 o centro cívico de Canido ofrecerá ás 18 horas Raíces, de Yheppa Títeres. O domingo 17, ás 12 horas, o Torrente Ballester mostrará As, Os, @s, da mesma compañía. Tamén no Torrente, o domingo 24, ás 12.30 horas, a compañía Periferia Teatro ofrecerá Voa Pluma e ás 18.30 horas Nube Nube

A obra Historia dunha gaivota e do gato que lle ensinou a voar, de Búho Maravillas, representarase o sábado 30, ás 18.30 horas, no Teatro Jofre e o día 7 de decembro, ás 12.30 horas, No Xardín, de Teatro Paraíso, estará no Torrente Ballester. Pol último, o Torrente Ballester ofrecerá o sábado 7 de decembro, ás 18 horas, De todo corazón, de Teatro Paraíso. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar