Novas

venres, 08 de novembro de 2019

O Concello de Ferrol estrea a licitación electrónica

Julián Reina explicou que a primeira obra tramitada deste xeito é a reparación do camiño das Cabazas, coa que se pecha o POS 2016, e asegurou que xa se traballa en paralelo no cerre dos do 2017 e do 2018 para así acabar cos atrasos nestes plans provinciais


O Concello de Ferrol acaba de estrear a licitación electrónica. Por primeira vez, onte publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público un anuncio da Administración municipal ferrolá que recollía este requisito para a presentación de ofertas. En concreto, trátase da pavimentación e asfaltado do camiño das Cabazas, en Covas, unha obra que pon fin ás actuacións contempladas no POS do 2016. Esta actuación, sobre unha superficie de 2.716 metros cadrados, sae a licitación por un importe de 53.131, 25 euros, ten un prazo de execución de 30 días laborais e inclúe labores de desbroce e perfilado de cunetas á fin de canalizar as augas superficiais e mellorar a vida útil da vía. 

O proceso fixa un período de 20 días para a presentación de ofertas, tras os cales se celebrará a primeira mesa de contratación electrónica do Concello de Ferrol, “coa que por fin se abre a porta ao século XXI para este tipo de procedementos”, segundo o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, CRI e Organización Interna, Julián Reina. 

Reina asegurou que ao mesmo tempo que se tramita este expediente, o seu departamento traballa para axilizar os proxectos dos POS correspondentes ao 2017 e ao 2018 co obxectivo de “rematar cos atrasos e poñer ao Concello ao día en canto a inversións para a cidade dependentes de plans provinciais”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar