Novas

venres, 08 de novembro de 2019

O concelleiro de Urbanismo informa á asociación veciñal de Covas sobre o inicio da numeración da parroquia

Julián Reina mantivo hoxe co presidente da entidade unha reunión previa á que terá nos próximos días cos residentes para explicarlles os beneficios deste proxecto e como se desenvolverá


O concelleiro de Urbanismo informa á asociación veciñal de Covas sobre o inicio da numeración da parroquia

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, CRI e Organización Interna, Julián Reina, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños de Covas, Manuel Sendón, para informar dos primeiros pasos que vai dar o Concello nos traballos para a numeración da parroquia. Tras este encontro previo co representante veciñal, nos próximos días o edil reunirase cos propios residentes para explicarlles os beneficios que suporá para eles dispoñer dun rueiro con numeración. Entre outras cousas, este tipo de actuacións facilitan o funcionamento de servizos como os postais ou os de emerxencias. Segundo avanzou Reina, nesa cita daráselles aos veciños información sobre o proxecto e mostraránselles planos para que poidan comprobar como será a evolución do traballo de campo. 

Esta actuación dará continuidade á numeración levada a cabo na Cabana. Realizarase a través do Centro de Recursos Informáticos (CRI). O traballo dos técnicos sobre o terreo servirá para a elaboración de planos electrónicos que despois se lle facilitarán novamente aos veciños para que poidan achegar as súas suxestións. 

Tras a análise destas contribucións e de que se aporten futuros nomes para as rúas, haberá un período de exposición do proxecto tanto no local da entidade veciñal como na páxina web do Concello, ao tempo que se lles comunicarán os resultados aos residentes. Concluído este prazo, participarán nunha asemblea cos membros do CRI e dela sairá unha documentación final que se volverá expoñer na sede da asociación. 

Para darlles o nome definitivo ás rúas será necesario que o novo rueiro se someta á aprobación do pleno da corporación municipal, e posteriormente comunicarlle ao Instituto Nacional de Estatística os cambios no padrón das rúas e no empadroamento das persoas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar