Novas

venres, 08 de novembro de 2019

Ferrol será sede da sétima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico os días 18 e 19 de abril do próximo ano

As actuación de agrupacións e solistas terán lugar no Auditorio municipal e no conservatorio profesional Xan Viaño


Ferrol será sede da sétima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico os días 18 e 19 de abril do próximo ano

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou o pasado mes que a cidade foi elixida sede da sétima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico e agora déronse a coñecer as datas nas que terá lugar: os días 18 e 19 de abril do próximo ano. Será un fin de semana nel que a cidade reunirá a uns 300 alumnos das escolas municipais de música e conservatorios dos municipios galegos e portugueses que integran o Eixo Atlántico. 


O Concello de Ferrol, a través da concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, e co apoio da concelleira de Turismo, María Teresa Deus, leva meses traballando nesta iniciativa na que colabora activamente o conservatorio profesional Xan Viaño, onde terán lugar parte das actuacións tanto de solistas como de agrupacións. O Auditorio municipal acollerá o resto dos concertos. 

O obxectivo da mostra é o de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando ós músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A anterior edición tivo lugar en maio de 2018 en Vila Real (Portugal), participaron 20 cidades e celebráronse 42 actuacións. Desde a súa primeira edición en 2008, a Mostra Musical do Eixo Atlántico consolidouse como unha das actividades máis emblemáticas e transversais nas áreas de educación e cultura.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar