Novas

martes, 12 de novembro de 2019

A pasarela de Santa Mariña podería estar aberta antes de que remate o ano

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou a obra despois de que se instalasen as estruturas que salvan as vías do tren


A pasarela de Santa Mariña podería estar aberta antes de que remate o ano

A nova pasarela que conectará o Ensanche con Santa Mariña sobre as vías do tren podería estar aberta antes de que remate o ano. Se as condicións meteorolóxicas permiten o avance proxecto, a empresa que está a acometer a obra ten previsto que nos últimos días de decembro poida quedar todo listo. Esta fin de semana quedaron colocadas as dúas estruturas metálicas de grandes dimensións que salvan as vías. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou esta mañá a zona para interesarse pola evolución dos traballos, que, segundo lle indicaron desde a empresa, realizáronse “sen ningún tipo de problema”. 

Si se produciu unha pequena incidencia durante os últimos metros do traslado das estruturas, que chegaron ao lugar en camión. O peso do convoi provocou danos en varias zonas da beirarrúa no cruce de Río Xubia e Seselle. Pero a empresa responsable da obra trasladoulle ao edil que se encargará de deixalas de novo “en perfecto estado”. 

Reina avanzou que a próxima semana quedarán colocadas as estruturas que configurarán as ramplas de acceso á pasarela, para a continuación, sempre á espera de que o tempo sexa o axeitado, se acometa a superficie de formigón impreso antideslizante que levará ata elas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar