Novas

mércores, 13 de novembro de 2019

O Concello instalará novos puntos de luz en 12 camiños da zona rural

A concelleira Ana Lamas explicou que esta actuación da resposta a peticións veciñais que se levaban repetindo dende hai tempo


O Concello instalará novos puntos de luz en 12 camiños da zona rural

A concelleira de Servizos, Obras, Medio ambiente, zona Rural e Participación Cidadá, Ana Lamas, anunciou esta mañá unha serie de actuacións centradas na área rural de Ferrol que inclúen a instalación de puntos de luz en camiños. Trátase de lugares para os que os veciños viñan solicitando iluminación dende hai varios anos e nos que, desde o punto de vista dos técnicos municipais, era necesario levar a cabo estas melloras. 


Segundo explicou a edil, esta actuación débese as peticións veciñais que se viñan realizando dende hai moito tempo. Lamas asegurou que “é un compromiso ir dando resposta a estas demandas de infraestructuras” e dotar á zona rural “dos servizos que precisa”. Nese senso, avanzou tamén que se van facer pequenas ampliacións da rede de auga potable nalgunhas zonas do municipio, “concretamente en Esmelle, Doniños e San Xurxo”. Trátase de accións puntuais que responden a necesidades de carácter urxente. Os prezos de licitación, no caso da ampliación da iluminación, sitúase en torno aos 43.000 euros, mentres que para o abastecemento supera os 17.000. 

Un total de 40 luminarias 
O proxecto para mellorar a iluminación do rural contempla a instalación de 40 puntos de luz. En Mandiá instalarase una nova luminaria mediante un brazo ancorado ao muro. En Pardo de Cela serán colocadas seis polo mesmo procedemento. En Esmelle haberá dúas actuacións, con dúas e tres lámpadas respectivamente, e nun dos casos, na zona de Castiñeiras, será necesario poñer postes de formigón. En Fontá, Doniños, instalaranse outras dúas. En Sagrada Familia, en Catabois, tres máis, ancoradas tamén a un novo poste de formigón. Pola súa banda, en Cobas poñeranse 5 nas Pozas e 3 no Vilar; e en Brión as melloras realizaranse en dous puntos, no primeiro dos cales haberá 2 novas luces e no segundo 9, todas elas soportadas por postes de formigón. Na Cabana instalarase tres, tamén nun novo poste, e en Valón unha máis.









Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar