Novas

xoves, 14 de novembro de 2019

O Concello revisa os traballos de mellora da accesibilidade que se están levando a cabo nos pasos de peóns, tras detectarse acumulacións de auga

O departamento municipal que dirixe o concelleiro Julián Reina demandará á empresa responsable que arranxe as deficiencias


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, vén de dar instruccións para que técnicos municipais revisen os pasos de peóns afectados polas obras de mellora da accesibilidade que se levan a cabo en diferentes zonas de Ferrol. As choivas dos últimos días provocaron que nalgúns destes puntos se produzan acumulacións de auga, un problema que é necesario resolver, como así se lle demandará á empresa responsable dos traballos, indicou o edil. 


Na actualidade estase a executar a cuarta fase deste programa destinado á eliminación de barreiras arquitectónicas, na que se inclúen un total de 238 actuacións en cinco barrios da cidade: 115 no Ensanche A, 48 en Catabois, 40 en Canido, 18 na Malata-Porto e 17 no Ensanche B. Con elas dáselles continuidade ás outras tres fases, executadas ao longo dos últimos anos. O contrato foi formalizado en marzo pasado e ascende a 263.241,31 euros (IVE incluído). 

Para Reina, que tamén é responsable de Mobilidade, as melloras na accesibilidade constitúen “unha das prioridades” da súa área, polo que “é importante comprobar cal é o motivo desas acumulacións de auga” e así poder “darlles unha solución o máis rápido que sexa posible”. “Trátase de garantir que estas obras cumpren o obxectivo de facilitar a mobilidade, que é para o que foron pensadas, e que non xeren novos obstáculos con acumulacións de auga”, dixo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar