Novas

xoves, 14 de novembro de 2019

O Concello deseña unha enquisa para saber o nivel de coñecementos sobre sexualidade que teñen os adolescentes

A concelleira de Benestar Social trasladou hoxe ás directivas dos institutos a súa vontade de iniciar unha campaña de información en colaboración con Acción Familiar Ferrol


O Concello deseña unha enquisa para saber o nivel de coñecementos sobre
sexualidade que teñen os adolescentes

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, ten entre os seus obxectivos para este ano obter información sobre o nivel de coñecementos afectivo-sexuais entre a poboación adolescente da cidade. Neste sentido, na mañá de hoxe a edil mantivo unha reunión con membros dos equipos directivos dos institutos de Ferrol para trasladarlles a súa vontade de abordar un asunto “moi importante”, dixo, para a concellería, como é a prevención en asuntos relacionados coa adolescencia. Neste caso, “propoñémonos elaborar un traballo serio” tendo en conta que “varios estudios revelan que o inicio na sexualidade é cada vez mais cedo”. 


Un gabinete de expertos do Concello, en colaboración coa entidade Acción Familiar Ferrol, vén de deseñar a primeira fase do proxecto, que consiste nunha enquisa que, de forma anónima, completarán nos meses de xaneiro e febreiro os alumnos de 1º da ESO dos centros tanto públicos como privados que se sumen á iniciativa. En marzo analizaranse os datos solicitados e en maio presentarase unha memoria coas conclusións. 

A iniciativa parte da hipótese de que os adolescentes de Ferrol sofren un descoñecemento amplo das relacións afectivo-sexuais saudables, o que pode dar lugar a prácticas de risco. Unha vez analizados os datos, e en función dos resultados, o Concello analizará a necesidade de poñer en marcha a segunda fase do programa, é dicir, a celebración de charlas informativas entre o alumnado. 

Durante a reunión de hoxe, falouse tamén da realidade que os responsables das unidades básicas observan a diario, como é o incremento dos embarazos non desexados, o mal uso dos anticonceptivos ou as diferencias en canto a coñecementos sobre sexualidade que teñen os adolescentes segundo o sexo e o seu lugar de residencia. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar