Novas

sábado, 16 de novembro de 2019

O alcalde recibe no Concello a 90 profesores de Literatura que están a facer o roteiro de Torrente Ballester da man do escritor José A. Ponte Far

Tras a proxección dun vídeo sobre a vida do escritor de Serantes, Ángel Mato recoñeceu que nel “temos unha das máis altas figuras de Ferrol”


O alcalde recibe no Concello a 90 profesores de Literatura que están a facer o roteiro de Torrente Ballester da man do escritor José A. Ponte Far

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no salón de plenos do pazo municipal a 90 profesores de Literatura que están a facer o roteiro polos lugares torrentianos da man do escritor, catedrático de Instituto e doutor en Filoloxía José A. Ponte Far, un dos maiores expertos na figura de Torrente Ballester. O rexedor estivo acompañado por María Teresa Deus, concelleira de Turismo, e Antonio Golpe, concelleiro de Educación e Cultura. 


Mato deulles a benvida aos docentes e agradeceulles a “labor francamente difícil” que realizan a diario. “É moi gratificante comprobar”, recoñeceu, “o poder de convocatoria que mantén arredor de si a figura de Torrente Ballester. Seguro que vostedes, como profesores de Literatura, saberán apreciar en toda a súa dimensión”. Nel “temos unha das máis altas figuras que deu Ferrol, que non é pouco dicir para a cidade de Concepción Arenal, Pablo Iglesias ou Canalejas”. O rexedor lembrou que o “ilustre veciño da rúa Gravina gozaba o mesmo dunha mañá de paseo polos xardíns de Herrera que dunha tarde de teatro no Jofre durante a que, segundo dicía, foi a súa etapa máis feliz”. 

Pola súa banda, Ponte Far quixo agradecer ao alcalde a súa recibimento no Concello e sinalou que o feito de que Torrente nacese en Ferrol “marcou a súa literatura”. “Se nacese noutro lugar, sería un escritor distinto”, dixo. Engadiu o modo en que o escritor ferrolán definiu Ferrol, como “unha cidade lóxica nunha terra máxica” e destacou a capacidade do Torrente para combinar o razoamento coa imaxinación.
  
Durante a recepción proxectouse un vídeo da vida do escritor en Ferrol e o alcalde entregou aos profesores de Literatura o libro ilustrado Baixo as Mesmas Nubes, de Elga Fernández. Tras o encontro co rexedor e os concelleiros, Ponte Far e os docentes continuaron o seu percorrido polos recunchos que protagonizaron a vida do escritor, como o Casino, a rúa Gravina, os Xardíns de Herrera, o Teatro Jofre, o busto no campus ou a súa casa natal de Serantes. 
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar