O teatro gratuíto para nenos chega este fin de semana
a dous importantes espazos de Ferrol da man do programa Apego, de Normalización
Lingüística e dirixido a fomentar e mellorar a transmisión da lingua galega, e de Festea.
O sábado, ás 18.30 horas, o Teatro Jofre acollerá a representación da obra
Historia dunha gaivota e do gato que lle ensinou a voar, da compañía andaluza Búho
Maravillas. Trátase dunha nova sesión do festival infantil do Concello que exporá
valores como a amizade, o respecto ao medio ambiente, a lealdade, e a honra.
Pola súa banda, o centro Torrente Ballester ofrece o domingo, ás 12 horas, o
espectáculo O lobo e a lúa, unha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus
personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Unha obra que transcorre sempre de
noite, á luz da lúa. Unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor e
dirixida ao público familiar a partir de 3 anos. A próxima sesión de Apego no Torrente
será o día 8 de decembro, coa actuación Misterio de Nadal, da compañía Polo Correo do
Vento. Trátase dun contacontos e música no que dous nenos son fans de Sherlock
Holmes. Algo estraño sucede en Nadal na súa vila e comezan unha investigación.
Proseguen as actividades polo 25N
O programa de actividades do Concello de Ferrol con motivo da celebración o pasado
luns do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller proseguen esta fin de semana. Mañá venres terá lugar o roteiro Ferrol en Feminino, que sairá ás 17
horas da Fonte da Ranita, no porto de Curuxeiras. Pola tarde, ás 20 horas, a Biblioteca
municipal da Praza de España celebrará o contacontos para adolescentes e adultos
¿Micromachista eu?, co autor Caxoto.
Fotografías de máis 40 países
Esta fin de semana tamén pode visitarse no Torrente Ballester Vidas, a exposición
fotográfica do ferrolán Gabriel Tizón que recolle imaxes captadas en máis de 40 países.
Céntranse en persoas que viven “en condicións que ningún ser humano debería vivir”,
segundo o propio autor. Dentro destes “inocentes”, Tizón pousa a súa mirada
especialmente nos nenos e nas nenas. Este traballo serve para “recordar e amosar á
cidadanía que existen” e tamén para “loitar contra a tortura do olvido”. A exposición
consta de 60 fotografías de 60x40 centímetros e 6 máis de gran formato, de 200x150
centímetros. Ademais, inclúe a exhibición do documental O silencio das persoas
refuxiadas, realizado por Tizón na chamada ruta dos Balcáns ao longo dos tres últimos
anos.
A mostra é gratuíta e estará aberta ao público ata o próximo 15 de febreiro, en
horario de 11 a 14 e de 17 a 21 de martes a sábado, e de 11 a 14 os domingos e festivos
(luns, pechado). Para organizar visitas para grupos hai que consultar no Torrente.