Novas

venres, 29 de novembro de 2019

O alcalde ponse a disposición da Xunta e da Universidade para axilizar o Centro de Investigación en Industria Intelixente

Mato considera que o aumento dos fondos asignados ás accións de I+D+i recollidas no convenio entre a Administración autonómica e a UDC debe servir para darlles un impulso ás futuras instalacións


O alcalde ponse a disposición da Xunta e da Universidade para axilizar o Centro de Investigación en Industria Intelixente

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ofreceu esta mañá a súa total colaboración á Xunta de Galicia e á Universidade para que o Campus ferrolán dispoña dun Centro de Investigación de Industria Intelixente. Despois de que a Administración autonómica anunciara onte o incremento das partidas para I+D+i recollidas no convenio coa UDC, o rexedor puxo a disposición de ambas “todos os medios municipais para poder axilizar esta inversión”. Segundo aprobou o Consello da Xunta, boa parte dese incremento, próximo ao millón de euros, será destinado á mellora de instalacións, a equipamento científico e tecnolóxico e á renovación tecnolóxica, o que para a Universidade, segundo fixo público hoxe, supón “un espaldarazo ao proxecto do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente para o Campus de Ferrol”. Mato coincidiu nesa idea e manifestou que é o momento de darlle o impulso que necesita. 

A UDC ten entre os seus plans ampliar o Campus coa construcción dun edificio no encontro das avenidas de Vigo e de Esteiro, onde situará, entre outras dependencias, o novo centro de investigación. Está previsto que nos próximos meses se convoque o concurso deste proxecto. Para o alcalde, trátase dunha infraestructura que se converterá nun “elemento básico para o desenvolvemento da cidade”, polo que asegurou que colaborará en todo aquelo que sexa necesario para conseguir a súa materialización “coa maior celeridade posible”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar