Novas

sábado, 30 de novembro de 2019

Mato di que se debe priorizar a mellora das liñas ferroviarias sobre a construción dunha estación intermodal que “agora mesmo non tería rendibilidade social”

O alcalde establece como obxectivos principais conectar a cidade co eixo atlántico de maneira eficaz e acadar a redución do tempo de viaxe entre Ferrol e A Coruña a só media hora


Mato di que se debe priorizar a mellora das liñas ferroviarias sobre a construción dunha estación intermodal que “agora mesmo non tería rendibilidade social”

O alcalde, Ángel Mato, uniuse esta mañá á viaxe entre Ferrol e Pontedeume convocada pola Plataforma en Defensa do Tren. Este acto reivindicativo tiña por obxecto trasladar a necesidade de acometer as melloras necesarias para que a liña que une a cidade coa Coruña sexa competitiva. Para Mato, conectar Ferrol co eixo atlántico e acurtar de xeito significativo os tempos de viaxe deben ser os obxectivos principais para a comarca en materia de comunicacións ferroviarias. 

Á súa chegada a Pontedeume, o rexedor referiuse á proposta da Xunta para unha estación intermodal en Ferrol, edificio que se construiría con participación do Estado e do Concello. Asegurou que, á hora de establecer prioridades, quizais a cidadanía entendería que abordar o proxecto neste momento sería “malgastar os recursos públicos”. “A estación de ferrocarril e a de autobuses están a poucos metros de distancia. Penso que, como os recursos públicos son escasos, hai que centrar todos os esforzos en mellorar as conexións ferroviarias coa Coruña e co eixo atlántico. Ese é o primeiro obxectivo”, insistiu para, a continuación, matizar que no momento no que isto se acade “haberá que pensar na estación intermodal”. Ángel Mato considera que acometer a nova estación a día de hoxe, “cando o tren non é competitivo, sería volver tirar os cartos e enganar á cidadanía con proxectos que agora mesmo non teñen ningunha rendibilidade social”. Esa rendibilidade, sostén Mato, conseguirase impulsando primeiro a liña ferroviaria, porque se o tren funciona correctamente, “o seu uso aumentará”. 

Tamén lembrou que hai ano e medio a Xunta de Galicia envioulle ao Goberno de Mariano Rajoy un informe “dicindo que a liña Ferrol-A Coruña non tiña demanda suficiente e que naquel momento o Ministerio de Fomento non tiña necesidade de investir de forma urxente nese trazado”. En contraposición, Mato afirmou que “si existe demanda, pero o que non existe é un tren coas condicións mínimas para dar resposta a esa demanda, de xeito que os cidadáns desisten de empregalo para os seus desprazamentos”. “Penso que a Xunta, goberne quen goberne en Madrid, debe defender que Ferrol estea comunicado co eixo atlántico de maneira eficaz e que a viaxe para chegar á Coruña se sitúe en arredor de trinta minutos”, dixo o alcalde. Ademais, demandou do Executivo autonómico que redobre os esforzos para rematar canto antes infraestruturas como a vía de alta capacidade pola costa, imprescindible para “comunicar correctamente os municipios das nosas comarcas”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar