Novas

xoves, 02 de xaneiro de 2020

Xa está aberto o prazo para optar a representar ao Concello de Ferrol na VII Mostra Musical do Eixo Atlántico do mes de abril

Os estudiantes interesados en participar na selección, que terá lugar os días 7 e 8 de febreiro, poden presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral ata o 23 de xaneiro


Xa está aberto o prazo para optar a representar ao Concello de Ferrol na VII Mostra Musical do Eixo Atlántico do mes de abril

Xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes para participar no proceso de selección que elixirá as persoas que representarán ao Concello de Ferrol na VII Mostra Musical do Eixo Atlántico, que se celebrará na cidade os días 18 e 19 de abril. Trátase dun fin de semana no que Ferrol reunirá a uns 400 alumnos das escolas municipais de música e conservatorios dos municipios galegos e portugueses que integran o Eixo Atlántico. 


Os interesados en participar no proceso de selección poden presentar as súas solicitudes a través do Rexistro Xeral do Concello ata o 23 de xaneiro. Poderán facelo alumnos do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol e alumnos dun conservatorio profesional de musica ou dunha escola municipal de música nacidos no municipio ou que residan actualmente no concello.  

Establécense tres categorías. Na de solistas haberá catro grupos en función do alumnado participante: ata os 10 anos (grupo A), 11 e 12 anos (grupo B), de 13 a 15 (grupo C) e de 16 a 18 anos (grupo D). A segunda categoría é de agrupacións de cámara e estarán compostas por un mínimo de dúas e un máximo de seis persoas. As agrupacións de maiores, a terceira categoría, estarán compostas por máis de seis persoas. A idade máxima dos integrantes das agrupacións será de 25 anos. 

Para formalizar a inscrición, os interesados deben presentar os seus datos, documentación acreditativa da idade do alumnado participante, certificado de matrícula do centro de ensino non que realiza estudios no curso académico 2019-2020, documento de identificación dos titores legais de cada alumno no caso de ser menores e as necesidades técnicas para a realización da actuación. 

O xurado seleccionará un máximo de dous participantes fixos 
As probas de selección terán lugar no Conservatorio Profesional “Xan Viaño” os días 7 e 8 de febreiro. De entre as persoas inscritas para participar, o xurado seleccionará un máximo de dous participantes fixos para a Mostra (de calquera das categorías) e dous provisionais. O xurado estará composto pola concelleira de Promoción Económica e Edusi, María Teresa Deus e catro profesores do conservatorio de Ferrol.  
 
O obxectivo da mostra é o de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando ós músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A anterior edición tivo lugar en maio de 2018 en Vila Real (Portugal), participaron 20 cidades, celebráronse 42 actuacións e o peque coro do Conservatorio de Ferrol recibiu un accésit.


Desde a súa primeira edición en 2008, a Mostra Musical do Eixo Atlántico consolidouse como unha das actividades máis emblemáticas e transversais nas áreas de educación e cultura. 

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, e co apoio da concelleira de Turismo, María Teresa Deus, leva meses traballando nesta iniciativa na que colabora activamente o Conservatorio Profesional “Xan Viaño”.
 






 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar