Novas

venres, 03 de xaneiro de 2020

O Concello de Narón aboa 705.989,09 euros polos gastos de depuración de abril do 2017 a maio do 2018

A diferenza co importe que lle reclama o de Ferrol por ese período (845.715 euros) ascende a 139.725,91


O Concello de Narón aboa 705.989,09 euros polos gastos de depuración de abril do 2017 a maio do 2018

O Concello de Narón vén de aboar 705.989,90 euros en concepto de gastos de depuración de augas residuais polo período que vai de abril do 2017 a maio do 2018. O pago efectuouse con data valor do 31 de decembro pasado. A liquidación enviada pola Administración local ferrolá ascendía a 845.715 euros, polo que existe unha diferenza de 139.725,91, que o goberno local ten intención de reclamar, tal e como xa avanzou no seu día o alcalde, Ángel Mato, que non descarta acudir á vía xudicial se antes non se acorda outra solución para este desfase. 

A liquidación de 845.715 euros polo servizo de saneamento prestado no tramo comprendido entre abril de 2017 e maio de 2018 é só unha das que o Concello de Ferrol lle reclamaba o de Narón. A correspondente aos meses restantes do 2018 suma 541.243,54 euros, mentres que a do primeiro semestre do 2019 ascende a 436.498,99.

As alegacións foron desestimadas en novembro 
Narón realizou este pago logo de que Ferrol desestimara as súas alegacións á liquidación, unha denegación que se dilatou, segundo explicou o pasado novembro a concelleira María Teresa Deus, polas “continuas conversas mantidas entre os alcaldes baseadas nos principios de colaboración, coordinación, lealdade institucional, boa fe e confianza lexítima que deben rexer as relacións entre administracións”. Foi tras este tempo, “e ante a negativa do municipio veciño a abonar un servizo de saneamento do que goza”, cando o pasado novembro o goberno local ferrolán someteu a desestimación ao pleno, que a votou favorablemente. Deus fixo fincapé nese momento en que desde o 3 de abril do 2017 Narón conta cun servizo que se lle vén prestando de forma ininterrompida sen que aboase cantidade ningunha, mentres que os cidadáns de Ferrol pagan puntualmente as correspondentes taxas conforme coa vixente ordenanza municipal.





 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar