Novas

venres, 03 de xaneiro de 2020

O Jofre acollerá o próximo martes os actos da festividade de San Xiao

O despacho de billetes do teatro abrirá ese día ás 9.00 horas para que o público poida retirar as derradeiras invitacións


O Teatro Jofre acollerá o próximo martes, 7 de xaneiro, os actos institucionais con motivo da festividade de San Xiao. O recibimento oficial á corporación municipal de Lugo e aos homenaxeados (ferrolán do ano e insignias de ouro da cidade) será ás 12.00. As portas abriranse media hora despois, ás 12.30 horas, para o público, que poderá retirar as derradeiras invitacións no despacho de billetes xa desde as 9.00. 

A distinción de Ferrolán do Ano 2019 recaeu nesta ocasión no Racing Club de Ferrol, unha entidade histórica que se fundou o 5 de outubro de 1919 e que, polo tanto, no 2019 cumpriu un século de existencia. 

As insignias de ouro de Ferrol serán entregadas ao CEIP San Rosendo, do barrio de Canido, onde se imparte ensinanza dende hai medio século; a Teima Down, que cumpre 25 anos e é unha das entidades máis activas da cidade, como demostran a infinidade de iniciativas que levou a cabo ao longo do 2019; ao IES Leixa, premio da Xunta de Galicia no Día Internacional contra a Violencia de Xénero polos seus traballos de imaxes e vídeos sobre este grave problema, e a Paula Río Galdo, científica biomédica que recentemente gañou o premio á mellor investigadora nova do ano da Sociedade Europea de Terapia Xenética e Celular, polos resultados dun ensaio clínico de terapia xenética para as persoas afectadas pola anemia de Fanconi, e que é directora dun estudo de investigación (publicado no último número da prestixiosa revista Cell Stem Cell) onde se demostra que as células do sangue dos pacientes poden corrixirse utilizando unha nova estratexia de edición xenética. 

Ademais, recibirá a medalla, a título póstumo, José Leira López, ferrolán dende os 4 anos aínda que nado en Valdoviño. Leira, licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, foi profesor, coordinador e director de cursos, xornadas e másteres. As súas principais liñas de investigación relaciónanse coa cultura, o patrimonio e o turismo. Creador e director, dende 1995, do proxecto Aulas no Camiño, todo un referente para coñecer a nosa historia e a de Galicia por medio das andainas cara a Santiago.
 
Firmas no libro de ouro 
No libro de ouro firmará en representación do Racing o seu presidente, José Criado Labajo; polo CEIP San Rosendo, a directora do centro, Mónica Espeso Mosquera; por Teima Down, a súa presidenta, Patricia Serantes Castro, e polo IES Leixa, a directora, Ana Roel Ares. Tamén deixarán a súa sinatura Paula Río Galdo e a viúva de José Leira, María del Carmen Landeira Amado. 

A continuación celebrarase a cerimonia de carácter público, durante a que se entregarán as distincións. Unha vez rematada, sobre as 13.30 horas, autoridades e galardoados degustarán unha copa de viño e ás 17.30 horas terá lugar a tradicional degustación de arroz con leite na carpa instalada na praza da Constitución. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar