Novas

luns, 06 de xaneiro de 2020

25.000 persoas presenciaron a cabalgata dos Reis Magos nas rúas de Ferrol

A visita de Melchor, Gaspar e Baltasar consolídase como o evento anual con maior capacidade de convocatoria de público na cidade nun só día


25.000 persoas presenciaron a cabalgata dos Reis Magos nas rúas de Ferrol

Arredor de 25.000 persoas presenciaron onte nas rúas de Ferrol a cabalgata de Reis, segundo datos facilitados polo departamento de Seguridade do Concello. O concelleiro Germán Costoya destacou a “perfecta organización” do evento, durante o que non se produciron incidencias reseñables. Xa ás cinco da tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar foron recibidos por unha multitude no peirao de Curuxeiras á súa chegada á cidade. Unha hora máis tarde, desde o comezo do percorrido na rúa Venezuela, a comitiva foi acompañada por milleiros de persoas polo centro urbano ata o Teatro Jofre, onde os Reis Magos recibiron aos nenos. A cabalgata consolídase, deste xeito, entre os eventos dun só día que se celebran ao longo do ano en Ferrol, como o que ten maior capacidade de convocatoria. 

Mañá, día de San Xiao, pecharanse os actos destas festas. Será co acto oficial no Jofre, durante o que a partir das doce e media da mañá se entregarán a distinción de Ferrolán do Ano e as insignias de ouro da cidade. E xa pola tarde, coa tradicional degustación de arroz con leite, que comezará ás cinco e media na carpa instalada na praza da Constitución.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar