Novas

martes, 07 de xaneiro de 2020

O alcalde chama na cerimonia de San Xiao a afrontar dende “os valores que nos unen” o “momento crucial” que vive Ferrol

Ángel Mato e a rexedora lucense entregaron a distinción de Ferrolán do Ano e as insignias de ouro do Concello nun acto que tamén serviu para renovar a irmandade entre ambas cidades


O alcalde chama na cerimonia de San Xiao a afrontar dende “os valores que nos unen” o “momento crucial” que vive Ferrol

O Concello de Ferrol celebrou hoxe a festividade de San Xiao co tradicional acto de entrega da distinción de Ferrolán do Ano e das insignias de ouro. Á festividade estaban invitados os membros da corporación municipal de Lugo, cidade coa que Ferrol mantén unha irmandade oficial dende hai xa 20 anos. O alcalde, Ángel Mato, e a alcaldesa lucense, Lara Méndez, asistiron á misa do patrón na concatedral de San Xiao e a continuación tivo lugar no Teatro Jofre a recepción aos edís e aos galardonados. Antes da entrega dos premios, no libro de ouro do Concello firmaron os representantes lo Racing, do CEIP San Rosendo, de Teima Down e do IES Leixa, ademáis da científica Paula Río Galdo e a viúva do profesor José Leira. 


A cerimonia comezou coa intervención do alcalde de Ferrol, que destacou que este ano é para Ferrol o do recoñecemento a dous persoeiros moi importantes para a súa historia, como foron Concepción Arenal, da que se celebra o bicentenario, e Carvalho Calero, a quen a RAG dedica o Día das Letras. 

Ángel Mato agradeceu a presenza dos representantes de Lugo, “esa cidade coa que temos tantos lazos”, nun día tan importante para Ferrol”, unha xornada que “marca para nós o cambio de ano” , dixo. O rexedor referiuse aos retos para o 2020, “que non son poucos”, porque, asegurou “estamos a afrontar un momento crucial”. Refeiruse, entre eles, á “necesidade de máis e mellor emprego” e á transición enerxética, “que é un feito co que ninguén pode estar en desacordo, pero que ten que ser xusta”. 

Nese senso, asegurou que Ferrol está “na mellor disposición para traballar nas novas tecnoloxías” e mostrouse partidario de “aproveitar este momento, xunto coa universidade, outras administracións e a empresa pública e privada” para convertilo nunha oportunidade de futuro. 

Mato lembrou que o sector naval, “o noso motor industrial dende hai xéculos”, debe implementar o estaleiro 4.0 e buscar “mais carga de traballo” mentres chega o programa das novas fragatas F-110. Porque a cidade, insistiu, “con todo o coñecemento que ten vencellado ao naval, está na mellor disposición de poder abordar o futuro”. 

Outra das cuestións que mencionou como prioritarias foi a das comunicacións, con tres puntos “vitais”, como son as conexións ferroviarias co eixo atlántico e con Ribadeo e a vía de alta capacidade pola costa, pero “tamén a redución ou eliminación das peaxes da AP-9”. 

Asegurou que ainda de o futuro presenta problemas “tremendamente complexos”, estes pódense afrontar “con vontade política e esforzo”. “Trátase de poñer por diante todos os valores que nos unen, que fixeron desta cidade unha cidade diversa”, dixo. Como mostra de que entre todos se pode facer “unha sociedade xusta e solidaria”, puxo o exemplo das institucións e persoas que acadaron o recoñecemento por parte do Concello. 

Ángel Mato rematou o seu discurso facendo referencia ás orixes da relación entre Ferrol e Lugo que ten carácter oficial dende hai 20 anos, e que se remonta á chegada do ferrocarril a principios do século XX. Por iso, asegurou que era “motivo de satisfacción”, ademais dunha honra, que os representantes lucenses fosen novamente testemuñas da entrega das distincións do Concello ferrolán. 

Discurso de Lara Méndez 
A alcaldesa de Lugo destacou á súa vez os lazos entre ambas cidades, motivo polo que ainda que o recoñecemento do Día de San Xiao “fano o pobo e o Concello de Ferrol, o pobo e o Concello de Lugo sentímonos partícipes del” 

Lara Méndez tamén dedicou parte das súas palabras aos problemas que a sociedade actual ten por resolver. “Estamos nunha etapa na que escoitamos falar moito da España vaciada. O Concello de Ferrol e o de Lugo non somos alleos. Cómpre que desde as institucións traballemos en prol de solventar e revertir esta situación, o que pasa pola creación de emprego e pola calidade dese emprego”, asegurou. Para a rexedora, unha das claves e “aproveitar todo o noso potencial” e “reter o talento”, porque “quen ten a capacidade de cambiar as cousas son as persoas”. 

Lara Méndez rematou a súa intervención mostrando a súa satisfacción por “poder participar novamente neste acto tan imporatante para a cidade de Ferrol”. “Non cabe maior honra”, afirmou antes de dar os seus parabéns “a todos os galardoados e a Ferrol por seguir mantendo esta tradición”. 

A continuación, ambos alcaldes intercambiaron agasallos (o de Ferrol entregou unha placa con imaxes de Concepción Arenal e Carvalho Calero, e a de Lugo, unha figura de cerámica), para dar paso á entrega das distincións aos homenaxeados. 

Mónica Espeso, directora do CEIP San Rosendo, foi a primeira en recibir a insignia de ouro, en nome do colexio, por impartir ensinanza dende hai medio século. Na súa intervención lembrou que “sempre tivemos as portas abertas a todos os nenos, independentemente das súas capacidades”. Afirmou que o centro escolar traballa “con campións que nos deron unha lección de vida” aos que inculcan valores como a convivencia, tolerancia, solidariedade, liberdade e tamén unha sensibilidade especial coa diversidade”. 

Patricia Serantes, presidenta de Teima Down, foi a secunda en recoller a insignia de ouro, polos 25 anos da entidade, unha das máis activas da cidade como demostran a infinidade de iniciativas que levou a cabo ao longo do 2019. Serantes deu as grazas ás familias e traballadores da asociación e o seu fillo, Luis, dixo que “sempre quixen ser un máis”. 

O IES Leixa recibiu tamén una insignia de ouro polo seu premio da Xunta de Galicia no Día Internacional contra a Violencia de Xénero polos seus traballos de imaxes e vídeos sobre este grave problema. A súa directora, Ana Roel, asegurou que é unha honra” recibir o recoñecemento por “loitar contra esta lacra” e a “desigualdade que sofren moitas mulleres” e rexeitou que “o 50% da poboación poña e dubida que ou outro 50% non ten os mesmos dereitos”. Engardiu que “non existe forma de educar sen igualdade, inclusión e respecto aos demais”. Rematou a súa intervención reiterando “tolerancia cero contra a violencia de xénero” e aproveitou a ocasión para afirmar que a educación es uno de los “pilares fundamentais” para que unha sociedade sexa “xusta, igualitaria e inclusiva”. Por último, dixo, “abrid escuelas y se cerrarán cárceles”. 

Paula Río Galdo, científica biomédica que recentemente gañou o premio á mellor investigadora nova do ano da Sociedade Europea de Terapia Xenética e Celular polos resultados dun ensaio clínico de terapia xenética para as persoas afectadas pola anemia de Fanconi e directora dun estudo de investigación (publicado no último número da prestixiosa revista Cell Stem Cell) onde se demostra que as células do sangue dos pacientes poden corrixirse utilizando unha nova estratexia de edición xenética asegurou sentirse “orgullosa” de permanecer a unha cidade que “recoñece a investigación”. “Sentín”, dixo, “moita alegría cando o alcalde me chamou e me dixo que seguía o meu traballo desde hai tempo”. A investigación “move o mundo” e Ferrol soubo sumarse. 

A título póstumo recibiu a medalla José Leira López, ferrolán dende os 4 anos aínda que nado en Valdoviño. Leira, licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, foi profesor, coordinador e director de cursos, xornadas e másteres. As súas principais liñas de investigación relaciónase coa cultura, o patrimonio e o turismo. Creador e director, dende 1995, do proxecto Aulas no Camiño, todo un referente para coñecer a nosa historia e a de Galicia por medio das andainas cara a Santiago. A súa viúva mostrou o seu agradecemento ao Concello de Ferrol e desexou a todos os presentes “bo camiño”.

Ferrolán do Ano 
O Ferrolán do Ano 2019 é o Racing Club de Ferrol, unha entidade histórica que se fundou o 5 de outubro de 1919 e que, polo tanto, este ano cumpre un século de existencia. O seu presidente, José María Criado, dixo que o recoñecemento é o resultado do “esforzo e dedicación de moitas persoas que se envorcaron co Club”. Hoxe, recoñeceu, o Racing “está de gala” e agradeceu ao Concello o seu constante apoio. Engardeu sentirse “orgulloso de que o Club siga vivo” e que continúe “representando con orgullo o nome da nosa cidade por todo o territorio español”. Rematou a súa intervención lembrando que o nomeamento de hoxe demostra que en Ferrol “somos capaces de facer grandes proxectos”.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar