Novas

xoves, 09 de xaneiro de 2020

A Carpa de Nadal, o Circo de Canido e o Poboado de Papá Noel sumaron 9.500 visitas

A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, e o concelleiro de Festas, Antonio Golpe, fan un balance “moi positivo” das actividades programadas polo Concello


A Carpa de Nadal, o Circo de Canido e o Poboado de Papá Noel sumaron 9.500 visitas

A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, e o concelleiro de Festas, Antonio Golpe, fixeron esta mañá un balance das pasadas festas de Nadal, nas que este ano “as actividades diversificáronse por todo o municipio”, resaltou o edil, co obxectivo de “dinamizar economicamente a cidade”. O responsable municipal felicitou á concelleira Deus polo “atractivo” programa de iniciativas organizadas polo departamento de Promoción Económica, que “encheron as rúas de xente”. 


A edil, pola súa banda, asegurou que a resposta da cidadanía demostra que “o traballo en equipo funcionou”. As luces, responsabilidade da concellería de Servizos que dirixe Ana Lamas, “conseguiron que a cidade se vise doutra maneira” e as “distintas actividades programadas reverteron na actividade da hostalería e o comercio”. 

En canto aos datos de asistencia, Deus anunciou que a Carpa do Nadal que se instalou no Cantón recibiu a unhas 4.500 persoas nas nove actividades programadas, entre elas as dedicadas a Frozen, Patrulla Canina, o Mago Roman e os concertos de Nadal. O circo de Canido, tamén con nove actuacións, rexistrou 3.000 visitas, e ata o Poboado de Papá Noel, en Catabois, achegáronse unhas 2.000 veciños durante los días 22, 23 e 24 de decembro. O día 31 celebrouse a primeira Festa de Fin de Ano na Carpa do Cantón, unha experiencia “a modo de ensaio” que “saíu ben, sen incidencias”. 

Por último, a concelleira destacou a “boa acollida” da exposición do Ferrocarril que se celebrou na Oficina de Turismo de Praza de España entre os días 24 de decembro e 7 de xaneiro e que rexistrou 4.000 visitas. Por todos estes datos, concluíu, “estamos moi contento”. 

Pola súa banda, o edil de Festas revelou que a celebración de Papá Noel, a tarde do día 24 na Praza de España, foi vista por uns 7.000 veciños. Esta actividade, dixo, supuxo un “salto de calidade” respecto a edicións anteriores, e engadiu que a visita do Apalpador, o 29 de decembro, congregou a unhas 2.000 persoas e repartiu 800 bolsas de caramelos en man por diferentes rúas da cidade. 

A cita estrela de Nadal foi a Cabalgata de Reis Magos, que tivo lugar na tarde do día 5. Segundo datos do departamento de Seguridade do Concello de Ferrol, unhas 25.000 persoas achegáronse para presenciar a maxia das súas maxestades. O día antes, os nenos do rural gozaron da súa propia cabalgata, na que participaron 10 asociacións. “O noso obxectivo foi achegar os reis aos pequenos da comarca que non teñen preto a do centro”, explicou Golpe. 

As festas do Nadal pecháronse no Teatro Jofre coa celebración da festividade de San Xiao co tradicional acto de entrega da distinción de Ferrolán do Ano e das insignias de ouro. Pola tarde tivo lugar a degustación de arroz con leite no Cantón, onde se repartiron 2.500 racións. 

Cidade activa e dinámica 
Tras facer o balance do Nadal, o concelleiro Antonio Golpe sostivo que durante as festas Ferrol “estivo activa e dinámica”. Os veciños “quixeron participar nas actividades programadas polo Concello, e iso notouse nas rúas e nos locais, que estaban cheos”, asegurou o edil de Festas. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar