Novas

xoves, 09 de xaneiro de 2020

Alcaldes e axentes sociais acordan iniciar comisións de traballo para trasladar ás Administracións competentes as demandas para a reactivación económica da zona

Ángel Mato considera que calquera proposta terá máis forza “co soporte dos principais sectores económicos e institucións”


Alcaldes e axentes sociais acordan iniciar comisións de traballo para trasladar ás Administracións competentes as demandas para a reactivación económica da zona

Unha trintena de alcaldes e representantes sindicais e patronais participaron hoxe na reunión convocada polo rexedor ferrolán, Ángel Mato, para tratar a reactivación industrial e económica das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Á cita, na sala de comisións do pazo municipal, acudiron Víctor Ledo Suárez, secretario da Federación de Industria de CC.OO.; Santiago Díaz Gómez, secretario comarcal de CC.OO.; José Antonio Días Casteleiro, secretario de UGT Ferrol; María Palacios, secretaria xeral de Industria de UGT; Vicente Vidal, secretario comarcal da Federación de Industria da CIG; Manuel Grandal Anca, secretario comarcal da CIG; Jorge Silveira, presidente da Asociación de Empresas do Sector Naval; Roberto Sousas, vicepresidente da Asociación de Empresas do Sector Naval; Nonito Aneiros García, secretario da Asociación de Empresarios Ferrolterra; José Ramón Franco Caaveiro, presidente da Asociación de Empresarios Ferrolterra; Cristóbal Dobarro Gómez, presidente de Cofer; José Manuel Rilo González Vallés, vicepresidente de Cofer; Ángel Mato Escalona, alcalde de Ferrol; Marián Ferreiro Díaz, alcaldesa de Narón; Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación; Juan Penabad Muras, alcalde de Ortigueira; Diego Pablo Moreda Gil, alcalde de Cedeira; Alberto González Fernández, alcalde de Valdoviño; Alejandro García Sousa, concelleiro de Valdoviño; Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde de Ares; José Manuel Sanmartín Fornos, concelleiro de Neda; Ángel García Cordero, concelleiro de Neda; Carlos Ladra Brage, alcalde de Cabanas; Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño; Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche; Benigno Galego Castro, alcalde de Cerdido; Manuel Meizoso López, alcalde da Capela; Manuel Requeijo Arnejo, alcalde de Muras, e José Miguel Alonso Pumar, alcalde de Cariño.


Tras a reunión, Ángel Mato explicou que é importante traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento económico das tres comarcas e que calquera proposta que se leve “co soporte dos principais sectores económicos e institucións” vai ter moita máis forza. Detallou que se acordou “facer unha serie de comisións de traballo que teñan en conta todas as diferentes necesidades de cada unha das comarcas” e que se poidan pechar asuntos como, entre outros, os problemas do naval, as enerxías renovables ou o sector forestal. Mato asegurou que se trasladarán as reivindicacións a todas as Administracións, dende Europa ata a autonómica, pasando por varios ministerios con responsabilidades en asuntos como as infraestruturas, a transición ecolóxica ou a industria. Do que se trata, dixo, é de trasladar cada un destes temas a quen teña as competencias sobre elas. Para o alcalde de Ferrol, a configuración do novo Goberno é o momento máis axeitado para comezar a traballar neste senso. 

Manuel Grandal agradeceu a convocatoria e anunciou unha mobilización comarcal para o domingo día 1 de marzo, “á cal entendemos que se van unir todas as forzas sociais” e tamén os concellos. Avanzou tamén que esa medida irá acompañada de varias xuntanzas que os sindicatos van pedir coas diferentes Administracións, dende a Xunta ata os diferentes ministerios. 

Cristóbal Dobarro afirmou que o ámbito empresarial é consciente do complicado momento que viven as tres comarcas, pero que tanto os concellos coma os axentes sociais forman parte “do mesmo equipo” e que deben traballar en favor de todos os cidadáns da zona. “E poden estar seguros que imos traballar cóbado con cóbado para buscar unha solución”, asegurou. 









Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar