Novas

venres, 10 de xaneiro de 2020

O Concello e voluntarios plantarán 35 árbores na cidade para dar cumprimento ao terceiro premio de A Rúa É Túa

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, considera moi positivo que proxectos coma este “creen un debate sobre a necesidade de mellorar e incrementar as zonas verdes das cidades”


O Concello e voluntarios plantarán 35 árbores na cidade para dar cumprimento ao terceiro premio de A Rúa É Túa

 Os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Medio Ambiente, Ana Lamas, mantiveron onte unha reunión con técnicos municipais e o representante da asociación Xeración, Francisco Sequeiro, para pechar os últimos detalles da actividade coa que se dará cumprimento ao terceiro premio do concurso A Rúa É Túa. Consistirá na plantación de 35 árbores en diferentes espazos da cidade. 

Reina, indicou durante o encontro que proxectos coma este que partiu de Xeración son importantes para “crear un debate sobre a necesidade de mellorar e incrementar as zonas verdes das cidades”. Reina explicou que por ese motivo prestou especial atención a esta actividade e tratou de incrementar os obxectivos iniciais.  

De parte dos exemplares, os de maior porte, encargarase o Concello a través da empresa de mantemento de xardíns. Plantaranse entre os días 20 e 24 deste mes. Da plantación do resto das árbores, máis manexables por ser de menor tamaño, encargaranse voluntarios que reunirá Xeración para que leven a cabo este traballo na mañá do sábado día 25. Para esa data tamén está programada na Aula de Ecoloxía Urbana unha charla-coloquio que comezará ás 11.00 horas. Versará sobre a importancia do arboredo urbano e estará aberta ao público en xeral. Será logo desta conferencia cando os participantes se desprazarán aos diferentes espazos nos que se asentarán as árbores. Será ás 12.30 horas. 

O Concello realizará a plantación de seis robinias na Travesía de Irmandiños, cinco arces en Río Xubia e tres bidueiros na rúa Sartaña. Para os voluntarios reserváronse cinco arces máis en Río Xubia, oito prunus nunha parcela xunto ao Auditorio de Ferrol e outros oito exemplares desa mesma especie na mediana de Telleiras.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar