Novas

venres, 10 de xaneiro de 2020

Reparada a rotura na rede de auga en Caranza

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, e o de Urbanismo, Julián Reina, visitaron o lugar para interesarse polos traballos


Reparada a rotura na rede de auga en Caranza

O abastecemento de auga quedou restablecido esta tarde na zona de Telleiras despois de que a rotura dun tubo da rede provocara a noite pasada que dúas mazás de edificios quedaran sen subministro. Cara as tres da tarde os responsables da reparación empezaron a abrir o paso da auga e a purgar a rede para eliminar posibles acumulacións de aire no seu interior. A partir dese momento, e paulatinamente, as vivendas afectadas, arredor de 260, foron recuperando a normalidade no servizo. 

A avaría produciuse ao rebentar unha condución de fibrocemento na Travesía de Bazán. Traballadores da compañía de augas empregáronse a fondo durante toda a noite e toda a mañá para atallar o problema. Foi necesario retirar unha árbore e escavar un gran oco para poder substituír o tramo de tubo afectado. A operación complicouse pola existencia nese mesmo punto de numerosas canalizacións de electricidade, gas e telecomunicacións, algunhas das cales houbo que apuntalar para evitar danalas. Ademais, decidiuse, como paso previo ao arranxo, instalar unha válvula que posibilitara continuar abastecendo de auga a outras vivendas que de non facelo se verían tamén afectadas mentres se traballaba. 

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, e o de Urbanismo, Julián Reina, visitaron o lugar para interesarse pola evolución dos traballos de reparación. Nos próximos días procederase a encher o oco con grava e area e a reparar o pavimento, moi danado tanto pola rotura como polas operacións que se viron obrigados a levar a cabo os operarios para alcanzar o punto no que rebentou o tubo. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar