Novas

luns, 13 de xaneiro de 2020

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de execución de obra da nova iluminación da rúa Alegre

Julián Reina destacou que desde o primeiro momento a Xunta estivo “moi permeable” respecto ás reclamacións veciñais tras a posta en marcha do novo transporte metropolitano


A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de execución de obra da nova iluminación da rúa Alegre

O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, informou dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, na que se aprobou o proxecto de execución de obras para a iluminación pública da rúa Alegre, unha actuación, dixo o edil, coa que se completa a reurbanización da vía de Canido. 


As obras que describe o proxecto corresponden á substitución das luminarias actuais que non se modificaron no seu día na execución da reurbanización da rúa Alegre por unhas de tecnoloxía led, a instalación das columnas e elementos de suxeición necesarios en coherencia coas instalacións de iluminación pública do barrio de Canido de xeito que formen un conxunto urbano integral, así como a ordenación nun só centro de mando das redes de iluminación anexas a esta rúa. O novo modelo de farois contan con dous brazos, un de 7 metros dirixido á carreteira e outro de 4 en dirección á beirarrúa para alumar aos peóns. O orzamento total é de 300.370,74 euros. 

Na Xunta de Goberno Local tamén deuse conta da aprobación do proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente da rúa Betanzos 1-8 do barrio de Recimil. Trátase dunha actuación incluída nos investimentos finaceiramente sostibles e que conta cun presuposto de 1.612.578,94 euros. A súa execución será ao longo de 2020. 


Transporte metropolitano de Ferrol 
O concelleiro de Mobilidade referiuse tamén á recente posta en marcha das liñas do novo transporte metropolitano de Ferrol. Reina asegurou que a pesar de ser competencia da Xunta de Galicia, non do Concello, desde o primeiro momento el mesmo mantén unha estreita coordinación coa Xunta, os veciños e con Alsa, a empresa responsable do servicio. 

“Eu recibo todas as reclamacións dos afectados”, dixo, “e dentro dos axustes dos primeiros días algúns asuntos son prioritarios”. E o caso da liña 4, utilizada a diarios por alumnos dos institutos de Canido, Saturnino Montojo, Ferrol Vello e o Masculino e que conecta Covas coa estación de autobuses de Ferrol. O edil trasladou á Xunta a necesidade de achegar este servizo aos centros escolares e desde hoxe mesmo “este asunto xa está solucionado”, aclarou o concelleiro.  

Reina destacou que o goberno autonómico estivo desde o primeiro momento “moi permeable” ás reclamacións da concelleira de Mobilidade do Concello e destacou o “contacto permanente” entre administracións. Tamén aproveitou a ocasión para solicitar aos veciños que continúen comunicando ao departamento municipal as deficiencias detectadas no novo servicio metropolitano ao tempo que pediu “paciencia” para liquidar a situación. 

Traballo conxunto de aquí ata Bruselas 
Julián Reina invitou aos concellos gobernados polo Partido Popular a sumarse á mesa de traballo convocada polo rexedor ferrolán, Ángel Mato, para tratar a reactivación industrial e económica das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A primeira cita tivo lugar o pasado xoves no pazo municipal, e tras a reunión o alcalde dixo que “é importante traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento económico das tres comarcas e que calquera proposta que se leve co soporte dos principais sectores económicos e institucións vai ter moita máis forza”. Neste senso, Reina lembrou esta mañá que a pesar de que a Industria é competencia da Xunta, neste asunto é fundamental o “traballo conxunto”. Desde aquí ata Bruselas, dixo, “as administracións debemos estar unidas para favorecer a reindustrialización das comarcas”.  








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar