Novas

luns, 13 de xaneiro de 2020

A campaña municipal “Educando no Lecer” para combater o consumo de drogas entre mozos remata con 207 intervencións en 4 xornadas

A concelleira de Benestar Social anunciou que tras a “boa acollida” do programa desenvolvido xunto a Asfedro o Concello dará continuidade á iniciativa


A campaña municipal “Educando no Lecer” para combater o consumo de drogas entre mozos remata con 207 intervencións en 4 xornadas

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, ven de rematar a campaña “Educando no Lecer”, unha iniciativa que naceu co obxectivo de combater o botellón e reducir o consumo de drogas entre os mozos. O programa, impulsado polo goberno local en colaboración con Asfedro (Asociación Ferrolana de Drogodependencias), contemplou catro intervencións con motivo das festas de Nadal: os días 5, 20 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro. 


Esta mañá a concelleira, acompañada por Sari Alabau, presidenta de Asfedro, e Xaquín Bouza, técnico da entidade, fixo balance dos resultados da campaña. Nas catro sesións rexistráronse 207 intervencións, 21 delas centradas no análises de substancias, sobre todo cannabis e cocaína, segundo explicou Bouza. O resto repártense entre os casos nos que se solicitou información sobre os riscos do consumo de drogas e a repartición de botellas de auga, petiscos e sacas de lixo. En canto aos perfís, mentres que nas tres actuacións realizadas no Cantón os usuarios foron maioritariamente homes de entre 18 e 22 anos, na xornada que tivo lugar na rúa Magdalena a noite de fin de ano a idade foi algo máis elevada, entre 25 e 30. 

Os educadores sociais e o persoal voluntario encargado de atender aos mozos que se achegaban á carpa destacan que o alcol “é a substancia máis consumida e aceptada, non é considerada como unha droga”, explicou o técnico de Asfedro. Bouza tamén destacou a “boa acollida” da iniciativa entre os usuarios, que resaltaron “o novo da iniciativa, sobre todo nunha época como o Nadal”. Tamén sinalou que algunhas persoas incluso “nos solicitaron que tamén estivéramos presentes ás portas das discotecas e nas inmediacións dos locais próximos a Amboage”. Todos eles, dixo Bouza, achegáronse con un trato “bastante respectuoso cara a nós”.


Tamén para pais 
Pola súa banda, a presidenta de Asfedro agradeceu ao Concello a súa implicación na labor de prevención no consumo de drogas entre mozos e valorou como “moi positivo” o resultado da primeira campaña “Educando no Lecer”. O impacto da iniciativa, explicou, chegou incluso aos padres de adolescentes, que “achegáronse ata a carpa” para pedir información sobre os riscos de consumir drogas. Alabau lembrou que na sociedade fai “moito descoñecemento sobre esta realidade” e en numerosas ocasións “os mesmos pais non saben cómo afrontar determinadas situacións”. 

A concelleira Eva Martínez Montero anunciou que tras a “boa acollida” da campaña o Concello de Ferrol dará continuidade á iniciativa. A prevención, dixo, é unha labor “constante” e “a vontade deste goberno é desenvolver políticas neste ámbito para lograr o obxectivo de reducir ou eliminar o consumo de drogas entre a poboación moza e adolescente”. Para elo, detallou a edil, a concellería ten no recentemente constituído Grupo de Traballo de Infancia, Adolescencia e Familia unha “importante” ferramenta para levar a cabo “políticas de prevención”. 

A edil apuntou que o éxito da campaña pon de manifesto que a concellería de Benestar Social ten unha “importante demanda social” ante o que é un “problema moi serio, o consumo de drogas entre menores”. 



 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar