Novas

luns, 13 de xaneiro de 2020

O pleno da Mancomunidade aproba o contrato de xestión do refuxio de animais de Mougá

Na sesión celebrada hoxe tamén se ratificou a prórroga do servizo de xestión de residuos voluminosos por dous anos


O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol aprobou hoxe a proposta de adxudicación do contrato do servizo de xestión do centro de recollida de animais de Mougá por catro anos, prorrogable por un ano máis. A empresa que obtivo maior puntuación das dúas que se presentaron, Más Cuidados Multiservicios, S.L.U., propuxo unha oferta económica de 165.360 euros (sen ive). 


Durante a sesión celebrada esta tarde na sala de alcaldes do pazo municipal de Ferrol tamén se ratificou o acordo adoptado polo presidente da Mancomunidade para prorrogar o contrato de xestión de residuos voluminosos, que viña prestando dende decembro do 2015 a empresa Reciclaje de Inertes del Noroeste, S.L. (Recinor). As cláusulas que rexen este contrato contemplan que a duración do mesmo sería de catro anos con posibilidade de estendelo ata dous máis, de mediar acordo expreso entre ambas partes. A propia empresa presentou o pasado decembro unha solicitude na que manifestaba o seu desexo de que se prorrogase. 

Dende a Mancomunidade destácase que este contrato de xestión de residuos voluminosos supuxo para os concellos, tras a súa entrada en vigor, un importante aforro, por canto ata o 2015 estaban a pagar cantidades maiores por este concepto. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar