Novas

martes, 14 de xaneiro de 2020

O Concello publica a licitación da rehabilitación das envolventes de Recimil e a reurbanización de Carmen Curuxeiras

O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas para levar a cabo os traballos remata o próximo 3 de febreiro


O Concello de Ferrol publicou esta mañá na Plataforma de Contratación do Sector Público os anuncios de licitación de tres dos proxectos que se executarán con cargo ás inversións financeiramente sostibles, como son as rehabilitacións das envolventes dos números 1 a 8 da rúa Betanzos e dos números 1 a 2 da rúa Ares, ambas en Recimil, e a reurbanización da rúa de Carmen Curuxeiras, en Ferrol Vello. O primeiro conta cun presuposto base de 1.465.980,85 euros en impostos (cun valor estimado de 1.612.578,94), que no caso do segundo ascende a 294.816,74 (324.298,41), e no do terceiro, a 279.940,67 (307.934,74). 

Estes expedientes foron aprobados pola Xunta de Goberno Local o pasado 27 de decembro, e agora continúan a súa tramitación. O prazo de presentación de ofertas rematará o próximo 3 de febreiro ás 23.59 horas. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, avanzou no seu momento que o goberno local tiña a intención de levar a cabo a licitación e executar estes proxectos durante o 2020. 

Máis de dous millóns para o primeiro parque de vivenda pública de Galicia 
As dúas obras de Recimil, xunto coa renovación da rede de pluviais entre o 23 e o 28 da praza de España, suporán unha suma de 2.115.497,37 euros para este barrio, aproximadamente dúas terceiras partes do orzamento total de actuacións con cargo a investimentos financeiramente sostibles. No momento no que se aprobaron os expedientes, Reina asegurou que a rehabilitación de Recimil “ten que ter continuidade”, porque coas obras en marcha e estas xa programadas “comézase a solucionar unha serie de problemas no primeiro parque de vivenda pública de Galicia e un dos primeiros de España”. “Temos toda a intención de continuar traballando en Recimil, e non só no exterior, senón tamén no interior das vivendas”, afirmou. Tamén o alcalde se referiu entón á intervención en Recimil, “un barrio que o necesita máis”. Dixo que os piares destes proxectos a cargo de investimentos financeiramente sostibles son a solidariedade, a rehabilitación de vivenda e a mellora dos espazos públicos deteriorados.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar