Novas

sábado, 01 de febreiro de 2020

A selección xaponesa de fútbol sala foi recibida no Concello

O equipo nacional do país asiático disputará mañá no pavillón da Malata contra O Parrulo o Torneo Cidade de Ferrol


A selección xaponesa de fútbol sala foi recibida no Concello

A selección xaponesa de fútbol sala, que mañá disputará no pavillón da Malata contra O Parrulo o Trofeo Cidade de Ferrol, foi recibida esta mañá pola corporación municipal no Concello. O equipo nacional do país asiático atópase na cidade con motivo dunha xira de preparación para o campionato do seu continente, que ademais é clasificatorio para o Mundial 2020, que se celebrará o próximo outono en Lituania. 


O alcalde, Ángel Mato, falou da vinculación do fútbol sala xaponés co español e, en especial, co ferrolán, xa que o seleccionador do país asiático é o ferrolán Bruno García, mentres que O Parrulo vén de fichar dous xogadores xaponeses. O rexedor dirixiuse aos xogadores brevemente en inglés para agradecerlles a súa presenza na cidade e invitalos a gozar dela e presentoulles os trofeos que mañá se entregarán ao remate do partido. Tamén lles fixo entrega dun regalo institucional, unha figura de cerámica de Sargadelos que representa a pescadería de Rodolfo Ucha. 

En nome da selección falou o segundo entrenador, Kenichiro Kogure, que explicou que a seleción xaponesa se está a preparar para “un gran reto”. Kogure entregoulle ao alcalde unha camiseta do combinado xaponés e unha bufanda. Bruno García bromeou con que podía levala mañá á Malata, ao que Mato replicou que animaría ao Parrulo. O seleccionador, que ocupa o cargo dende hai xa preto de catro anos, deu as grazas ao Parrulo, á Federación e ao Concello pola súa colaboración.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar