Novas

mércores, 05 de febreiro de 2020

O goberno local responde a unha trintena de preguntas da oposición na comisión de Urbanismo

Os edís Julián Reina, María Teresa Deus, Ana Lamas e Germán Costoya contestaron esta mañá durante case dúas horas ás dúbidas dos grupos da corporación municipal


Os concelleiros de Urbanismo, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina; de Economía e Facenda, María Teresa Deus; Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas; e o de Seguridade, Tráfico e Sanidade, Germán Costoya, acudiron esta mañá á comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación que tivo lugar na sala de comisións e que se alongou durante case dúas horas. 


Tras tratar a orde do día, unha licenza de obra para a construcción dunha vivenda, os catro concelleiros do goberno local responderon ás preguntas dos edís dos grupos da oposición nun exercicio de transparencia e coa vontade de informar sobre asuntos de cidade. Entre os temas expostos, deuse conta da boa marcha da campaña de rozas no rural, do prazo de amortización da maquinaria de Urbaser, informouse da reparación dos cadros eléctricos da Avenida do Mar a cargo da empresa municipal e explicouse que o Concello ven de aprobar unha ampliación do prazo de execución da pasarela de Santa Mariña. Os edís do equipo de goberno tamén responderon ás preguntas relacionadas coa reposición de marquesiñas de autobuses, unha actuación que o Concello levará a cabo sobre un total de 51 estructuras de todo o territorio municipal, a maioría no rural. Substituiranse tres cuxo estado de conservación está moi deteriorado: dos na estrada de Punta Penencia e outra nas inmediacións do Novoa Santos. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar