Novas

xoves, 06 de febreiro de 2020

Ferrolterra-Rías Altas posiciónase como o mellor expoñente do turismo “slow” en Galicia

O programa pioneiro de colaboración entre o xeodestino e A Mariña lucense inclúe xa a 50 aloxamentos


Ferrolterra-Rías Altas posiciónase como o mellor expoñente do turismo “slow” en Galicia

Durante o ano 2019, O Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, en colaboración coa Mariña Lucense, situouse como o mellor expoñente do turismo Slow ao longo do ano 2019. Este tipo de turismo, baseado na filosofía Slow, é dicir, no turismo tranquilo en contacto coas tradicións locais e co patrimonio natural e realizado de maneira sostible, está a ser impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol a través diversas accións nas que as empresarias e empresarios turísticos son os protagonistas. 


No 2015, as Mancomunidades de Ferrolterra e Mariña Lucense, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, puxeron en marcha un proxecto pioneiro en Galicia e tamén en España; o Turismo Slow Norte de Galicia, na última das xuntanzas realizada polas empresas turísticas participantes no proxecto, neste caso na Casa do Vilar sita no concello de Ortigueira, realizouse unha análise e valoración dos resultados das accións realizadas durante esta anualidade e por outra, traballouse na planificación estratéxica de cara ao vindeiro ano. 

Dende hai tempo, as xuntanzas de traballo realízanse nos propios aloxamentos, co fin de traballar nun ambiente distendido, fortalecer as redes de colaboración entre os participantes na rede e propiciar o intercambio de experiencias e de coñecemento entre as persoas anfitrionas dos aloxamentos.

A implicación dos operadores turísticos deu como resultado a mellora e a innovación dos servizos. Polo que entre as accións realizadas no ano 2019, destacan entre outras, dúas iniciativas que serviron de experiencia piloto para o Turismo Slow. 

Por unha banda, a colaboración da empresaria local Ingrid, que puxo en marcha o proxecto “Deliciosamente Rural”, e ofreceu un curso dirixido ao sector, especialmente aos aloxamentos, sobre almorzos veganos, saudables e saborosos e a colaboración con María da Casa de turismo rural A Pasada (aloxamento pertencente á rede) que impartiu un curso sobre a xestión de redes sociais. 

O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e que fagan un triple compromiso: o Compromiso ambiental, de sustentabilidade e coidado do entorno, o Compromiso coa calidade (dándolle prioridade á calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables deses aloxamentos), e o Compromiso co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do proxecto. Valórase que os establecementos utilicen produtos gastronómicos locais, que faciliten a chegada dos viaxeiros con transporte público (servizo de recollida no andén do tren ou na parada do bus), e é un requisito que as persoas hostaleiras sexan auténticos anfitrións, é dicir, que recomenden aos/ás viaxeiros/as onde comer ou qué visitar ou facer baseándose na súa propia experiencia. 

Na actualidade, participan no proxecto un total de 50 aloxamentos, dos cales vintedous pertencen ao Xeodestino de Ferrolterra, e concretamente aos concellos de A Capela, As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cariño, Ferrol, Monfero, Mañón, Ortigueira e Valdoviño.

A través dos aloxamentos que forman parte do proxecto, constátase que cada vez se incrementa mais o número de persoas que demandan esta forma de viaxar e que buscan estancias máis longas para poder gozar dunha inmersión cultural completa no destino.

Ademais, neste senso debemos resaltar a boa marcha do proxecto xa que non só se incrementa o número de viaxeiros que demandan esta forma de viaxar, , tal e como constatan os/as propios empresarios/as, senón que tamén están a contactar con nós entidades e empresas que se interesan pola compra de bonos de turismo slow como agasallo para a súa clientela ou para o seu persoal.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar