Novas

venres, 07 de febreiro de 2020

Ángel Mato reclama na Asemblea do Eixo Atlántico que se poña sobre a mesa a modernización das conexións ferroviarias de Ferrol

O alcalde sumouse aos representantes de Santiago, Lugo e A Coruña na reivindicación dun corredor de mercancías con saída por Monforte


Ángel Mato reclama na Asemblea do Eixo Atlántico que se poña sobre a mesa a modernización das conexións ferroviarias de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá na XXVIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que se celebrou na cidade portuguesa de Matosinhos coa presenza de rexedores e representantes dos 35 municipios galegos e do país veciño que a integran. Na reunión estivo presente a ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa. 

Durante a súa intervención antes os alcaldes, Mato reclamou que se puxera sobre a mesa a conexión de Ferrol co eixo atlántico ferroviario e coa Coruña, tanto para pasaxeiros como para mercancías, algo “imprescindible” para vertebrar “o norte do norte” de Galicia e para facilitar a cohesión social do territorio. “Non se pode deixar fóra a máis de 200.000 persoas”, sentenciou o rexedor ferrolán, que se uniu aos de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e Lugo, Lara Méndez, e ao concelleiro de Mobilidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada, para esixir tamén o corredor atlántico para mercancías con saída por Monforte. 

Por outra banda, segundo explicou tras a reunión, o Eixo Atlántico xa está ultimando o estudo do que sairá unha proposta de conexións ferroviarias para Ferrol, un documento incorporado aos obxectivos do organismo para o 2020 e que logo da súa finalización será presentado na cidade. 

En Matosinhos tamén se trataron outros retos, entre eles a cohesión social, a crise demográfica e a captación de inversións e talento como obxectivos para o ano 2020. En canto ás infraestructuras, acordouse manter reunións cos ministros de Obras Públicas de España e Portugal para o seguimento de outras actuacións no ámbito ferroviario, como a saída sur de Vigo ou a conexión viaria entre Lugo e Santiago.  

A Asemblea tamén ratificou a incorporación de Póvoa de Varzim e Culleredo e elixiu os novos órganos de goberno, con Ricardo Río, alcalde de Braga, como novo presidente do Eixo Atlántico.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar