Novas

venres, 07 de febreiro de 2020

Os premios do Certame Literario “Carmela Loureiro” do Concello recaen en alumnos de 11 colexios e institutos

Na presente edición presentáronse un total de 60 traballos para as categorías de microrrelato, micropoesía e microteatro


Os premios do Certame Literario “Carmela Loureiro” do Concello recaen en alumnos de 11 colexios e institutos

O xurado da sexta edición do Certame Literario “Carmela Loureiro”, que un ano máis convocou o Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística (Cenl) como homenaxe a unha muller, profesora de Ferrolterra, durante anos presidenta da entidade e que dedicou o seu tempo á lingua e á comunidade educativa, reuniuse onte para seleccionar os traballos gañadores.  

Un total de once centro escolares —os Ceip Almirante Juan de Lángara y Huarte, Ponzos, os institutos Canido, Carvalho Calero, Saturnino Montojo, Ferrol Vello e Concepción Arenal, os cpi Atios e A Xunqueira e os cpr Ludy e Belén—, participaron na proba, que contou con tres modalidades: microrrelatos, micropoesía e microteatro. Foron un total de 60 os traballos presentados á proba.  

Nas catro categorías da primeira modalidade, cuxos textos debían comezarpola
frase “Petou na porta, dixem “adiante” e entrou...”, recollida no libro “Scórpio”, de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas do próximo ano, resultaron gañadores os centros Juan de Lángara, Atios, Saturnino Montojo e Concepción Arenal. Os accésits son para un traballo tamén do Concepción Arenal e outro presentado polo instituto de Canido.

En canto á micropoesía, os gañadores foron textos dos centros Juan de Lángara, Carvalho Calero, Atios e Concepción Arenal, e os accésits para alumnos do Juan de Lángara e A Xunqueira. Por último, o único premio na categoría de microteatro é para unha estudante do instituto Carvalho Calero. 
 
Entrega de premios no Torrente Ballester
Tras a valoración do xurado, composto por representantes do alumnado, do mundo da literatura e a lingua, da Cenl, a secretaria e a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, a entrega de galardóns terá lugar o próximo 28 de marzo no centro cultural Torrente Ballester.    

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar