Novas

venres, 07 de febreiro de 2020

Unha festa infantil e a repartición de miles de filloas en Amboage complementarán o Entroido

O concelleiro de Cultura e Deportes, Antonio Golpe, deu conta esta mañá na comisión informativa das obras de reparación que o Concello executa nos centros escolares que o solicitaron


O concelleiro Antonio Golpe deu conta na comisión que preside de Cultura, Universidade, Deportes e Festas celebrada esta mañá das actuacións complementarias relativas ao desfile, pasarrúas e gala do Entroido que terá lugar o 24 de febreiro. Como acompañamento á tradicional cita instalarase na praza de Amboage ese mesmo día unha carpa na que se repartirán 1.200 filloas cada hora: pola mañá de 12 a 14.30h e pola tarde, acompañadas de chourizo e sirope, desde as 17 horas. 

O día 25, tamén en Amboage, celebrarase unha festa infantil con espectáculo musical, taller de máscaras tradicionais galegas e con elementos de natureza, pintacaras, tatuaxes con purpurina e tiracroios xigantes. Repartiranse 300 racións de palomitas e haberá unha máquina de algodón de azucre. Comezará ás 17.30 horas e rematará ás 20 horas. 
 
Reparacións en centros escolares 
O concelleiro tamén deu conta na comisión das reparacións executadas polo Concello de Ferrol en distintos colexios da cidade despois de que a finais de xaneiro a concellería de Educación emitise un escrito ás direccións escolares solicitando unha relación das súas necesidades. 

Ata o momento foron catro centros os que presentaron actuacións pendentes. O CEIP Isaac Peral solicitou traballos de reparación de persianas, baños, dun cristal roto e intervir no portal do patio. O pasado 28 de xaneiro emitiuse ao centro a conformidade para o inicio das obras. 

A Laxe pediu o subministro dunha carrileira para a sala de usos múltiples, que xa está colocada. Tamén vén de solicitar a limpeza da pista do centro coa varredora con baldeo de auga. Pola súa banda, Pazos manifestou a súa necesidade de reparar unha fuga de auga na calefacción e as humidades no pavillón, actuacións todas elas xa trasladadas ao departamento correspondente. Por último, o San Xoán de Filgueira pediu unha billa e pintura antioxidante, xa fornecida, e material de obra, xa en trámite. 


 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar