Novas

venres, 07 de febreiro de 2020

Unha parella, detida tras agredir a dous policías locais

O suceso tivo lugar na rúa Emilio Antón, despois de que a camareira dun local chamase ao 092 porque os dous clientes non querían pagar


Un home e unha muller foron detidos na madrugada do venres 31 tras agredir a dous axentes da Policía Local. Os feitos ocorreron sobre as dúas da mañá na rúa Emilio Antón, cando os axentes foron solicitados nun establecemento da zona despois de que dous clientes se negaran a aboar as súas consumicións alegando que a camareira non lles daba o ticket. Segundo argumentou ela, debíase a que nese momento non tiña papel e ofreceulles a posibilidade de enviárllelo por correo electrónico. A Policía Local informou a sendas persoas dos trámites a seguir en relación ao asunto, como, por exemplo, solicitar a folla de reclamacións para actuar en consecuencia. Unha vez cumprimentada, ambas persoas abandonaron o establecemento. 

Pouco tempo despois a camareira alertou de novo á Policía Local de que a parella se atopaba nas inmediacións do establecemento insultándoa. Os axentes regresaron e solicitáronlles que a súa conducta fora máis cívica, sendo a reacción do varón a de tirar contundentemente o contido líquido dun vaso de plástico contra o solo e empuxar a un dos axentes, polo que se iniciou un forcexo e ambos caeron ao chan. Unha vez inmobilizado, cando os axentes o introducían no vehículo, a muller comezou a propinarlles patadas ao tempo que os insultaba, polo que tamén foi detida. Mentres lle colocaban as esposas, o varón, desde o interior do vehículo, vociferou e propinou patadas á porta traseira do lateral do copiloto, ocasionando danos considerables. O home foi trasladado ao centro de saúde como consecuencia do forcexo. 

Finalmente, os detidos foron conducidos á comisaría e postos a disposición da Policía Nacional.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar