Novas

sábado, 08 de febreiro de 2020

O Concello pon en marcha unha actuación para reparar fochas nunha vintena de rúas e estradas

A concelleira de Obras explicou que os técnicos municipais elaboraron unha relación de puntos nos que é necesario amañar o firme e que nas últimas semanas tramitouse un contrato para levar a cabo os traballos


O Concello pon en marcha unha actuación para reparar fochas nunha vintena de rúas e estradas

A concelleira de Obras, Ana Lamas, anunciou esta mañá que o seu departamento acaba de contratar unha actuación para reparar fochas nas rúas e estradas de Ferrol. Segundo explicou, é un problema “no que se levaba traballando semanas” porque “para o goberno local é unha prioridade” mentres non está listo o novo contrato de mantemento de viais, que ten a intención de que sexa máis ambicioso que o que existía ata o ano pasado. De feito, a partida asignada a este tipo de reparacións esgotouse en setembro. 

Agora encargóuselles aos técnicos municipais, que contaron coa axuda da Policía Local, a elaboración dun informe que recolle a relación de puntos que presentan un peor estado para incluílos neste contrato. A súa tramitación administrativa concluíu onte e espérase que a empresa adxudicataria poida comezar os traballos a próxima semana. O importe é de 6.413 euros, que servirán para actuar nunha área de 76 metros cadrados. Está previsto que as labores máis importantes se leven a cabo en 17 rúas, e resérvase parte do importe para outras intervencións menores. 

A relación de vías nas que se levarán a cabo os principais traballos é a seguinte: Alcalde Usero con Ministro Patiño, Camiño do Escorial, Río Mera, San Diego, Camiño do Petouto, Camiño da Regueira, Camiño do Pincho, Rúa Nova de Caranza, Celso Emilio Ferreiro, avenida de Esteiro, San Francisco, San Felipe (dúas zonas), Irmandiños, avenida de Vigo e Velázquez.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar