Novas

luns, 10 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura comprométese co alcalde de Ferrol a traballar conxuntamente para impulsar a candidatura a patrimonio mundial

Ambos abordaron nunha reunión de traballo asuntos como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, a creación dun albergue na cidade e a programación de eventos de cara ao xacobeo


O conselleiro de Cultura comprométese co alcalde de Ferrol a traballar conxuntamente para impulsar a candidatura a patrimonio mundial

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no pazo municipal ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, co que mantivo unha “moi proveitosa” reunión de traballo. Nela abordaron “diferentes cuestións de interese para o Concello”, explicou o rexedor, que lle agradeceu ao conselleiro a súa “boa disposición”. Á xuntanza uniuse tamén o voceiro do grupo municipal do PP e deputado autonómico, José Manuel Rey Varela.

Entre os asuntos que trataron Mato e Rodríguez atópase a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial, para a que o alcalde pediu a colaboración da Xunta. Tal e como o conselleiro explicou na comparecencia posterior ante os medios, trátase dun traballo “moi importante para o futuro” non só de Ferrol, senón de Galicia. “Queremos darlle un novo impulso para que sexa unha candidatura de éxito e que posibilite transformar a cidade”, asegurou Román Rodríguez, que lembrou que conseguir a declaración suporía meter Ferrol “nun club tremendamente exclusivo e competitivo a nivel mundial”. Por iso, comprometeuse a “traballar en impulsar a candidatura de Ferrol da Ilustración entre ambas Administracións”. 

Outros dos asuntos acerca dos que falaron, explicou Mato, foron a creación dun albergue de peregrinos na cidade, moi necesario por estar o Camiño Inglés en constante crecemento nos últimos anos; a recuperación da vivenda de Carvalho Calero, “aproveitando que tamén está en marcha o Plan Rexurbe” en Ferrol Vello, co que se redundaría na rehabilitación do barrio, e a programación de eventos de cara ao xacobeo do próximo ano.
 
Un “gran evento” con motivo do ano santo 
Pola súa banda, Román Rodríguez precisou que poñer enriba da mesa todos eses asuntos serviu para “deseñar unha folla de ruta para os próximos anos 2020 e 2021 dende o punto de vista do turismo e da cultura”, e destacou a importancia de actuar na casa do escritor ferrolán, de reforzar “o papel de Ferrol como entrada ao Camiño Inglés”, de contribuír á difusión da figura de Concepción Arenal cunha “serie de accións” e de promover unha programación na cidade “vencellada ao xacobeo”, no marco da descentralización do ano santo. Nese senso, dixo, fixáronse as bases do proxecto Xacobeo Ferrol, que “vai ser moi interesante” porque traerá á cidade “un gran evento cultural” e diferentes actividades “pensadas para todos os públicos”.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar