Novas

luns, 10 de febreiro de 2020

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol reactiva a oficina local de fomento do cooperativismo e a economía social

O pleno celebrado hoxe no pazo municipal de Ferrol acordou a solicitude de subvencións para este e outros proxectos


A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración da Xunta de Galicia, puxo en marcha un servizo para apoiar a todas aquelas persoas ou entidades interesadas en formar parte do mundo cooperativo, dende a idea de inicio ata a constitución da cooperativa. Tal e como se deu conta no pleno celebrado esta tarde no pazo municipal ferrolán, serán informadas das avantaxes fiscais e subvencións, e poderán formarse a través de xornadas, obradoiros, cursos e charlas para coñecer o tecido corporativo. Este servizo mancomunado xa funcionou con anterioridade, pero por primeira vez é posible o seu mantemento de forma estable e continuada logo do proceso selectivo levado a cabo pola Mancomunidade, que concluíu co nomeamento dunha técnica de cooperativismo adscrita en exclusiva a este labor. 


As cooperativas son agrupacións de traballadores que perseguen o interese colectivo dos seus integrantes e o interese xeral económico ou social. Son unha maneira diferente de constituír unha empresa que, durante o período da crise, demostrou resistir mellor a adversidade económica. Precisamente a comarca de Ferrol distínguese por contar con cooperativas que foron pioneiras a nivel estatal e que poden servir de modelo para novas xeracións de cooperativistas. 

Este servizo da Mancomunidade intégrase na Rede Eusumo, da que forman parte todas as entidades cooperativas e oficinas de fomento do cooperativismo existentes en Galicia, cuxo fin é potenciar a creación de entidades e cooperativas, e estimular e apoiar á xeración de novos proxectos. 

A oficina de fomento do cooperativismo e a economía social está situada no Centro de Emprego de Ferrol, (rúa da Sagrada familia, 56, cerca da estrada de Catabois). O seu teléfono de contacto é o 981 944 195, e o correo electrónico, cooperativismo@ferrol.es. Co obxectivo de abranguer todo o territorio da Mancomunidade, a oficina funcionará de maneira itinerante en función da demanda en cada un dos concellos, e contará tamén cun horario de atención nos concellos de Fene e Cedeira, pendente de determinar.

Período medio de pago e adxudicacións 
O Pleno da Mancomunidade serviu tamén para presentar o informe de morosidade e período medio de pago correspondente ao cuarto trimestre do 2019. O PMP en termos legais situouse en 41 días, mentres que en termos económicos foi de 32,44. Na sesión ratificáronse os decretos do presidente referidos á adxudicación do arrendamento do antigo matadoiro e do contrato do servizo de xestión do refuxio de animais de Mougá. 

Do mesmo modo, informouse sobre convocatorias de subvencións para obxectos diversos. Por parte da Xunta de Galicia convocáronse as do fondo de compensación ambiental, do servizo de atención temperá, de fomento do cooperativismo, do Programa Integrado de Emprego, do servizo de orientación laboral e de dinamización turística. Por parte da Deputación da Coruña publicáronse as axudas para a prestación do servizo de normalización lingüística e para competitividade turística. Os alcaldes acordaron solicitalas todas. 

Finalmente, o pleno recibiu a Jorge Yáñez Fernández, director médico do Hospital Juan Cardona, quen presentou aos membros da Mancomunidade a actividade do Refuxio Pardo de Atín da Fundación Santo Hospital de Caridad. Acordouse que os concellos da Mancomunidade que aínda non colaboran con esta entidade pasen a facelo a través do organismo supramunicipal, xa que presta un servizo crítico, como é a atención a persoas sen fogar.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar