Novas

martes, 11 de febreiro de 2020

Mato lembra o prezo que pagou Porto Leis por “soñar unha España que non puido ser”

O alcalde presidiu esta mañá a ofrenda floral ao último rexedor democrático de Serantes, asasinado en 1938


Mato lembra o prezo que pagou Porto Leis por “soñar unha España que non puido ser”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá a ofrenda floral a Alejandro Porto Leis, rexedor republicano de Serantes asasinado en 1938. Estivo acompañado polo concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, e representantes dos grupos municipais da oposición e de familiares de Porto Leis. O acto tivo lugar xunto ao monolito na súa memoria e na de Avelino Landeira, Jesús Miño e Modesto del Río, que foron fusilados a canda el. 


Mato lembrou que hai 82 anos foron asasinados na praia da Frouxeira “un electricista de Bazán, dous labradores e un carpinteiro”. O primeiro, dixo, polas súas conviccións republicanas, “que defendeu dende a alcaldía de Serantes en dous mandatos”. Os demais, “por axudarlle durante case dous anos a agocharse de quen quería acabar coa súa vida”. 

O rexedor dixo que Porto Leis foi un de tantos homes que “pagaron o máis alto prezo por soñar unha España que non puido ser”. Morreu, engadiu, “vendo como o seu país entraba na escuridade e seguramente non adiviñou que hoxe seríamos de novo libres para honralo e para renovar esta humilde mostra de gratitude do Concello de Ferrol e das asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán”. 

O alcalde rematou recoñecendo que para los que “consideramos irrenunciables os ideais de liberdade e progreso é un exemplo” e lembrou as palabras recollidas na biografía escrita por Paulino Gasalla hai poucos anos sobre Porto Leis, un “alcalde para o pobo”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar