Novas

martes, 11 de febreiro de 2020

Mato invita aos estudantes de Ferrol a falar galego, “é noso, fainos diferentes”

O alcalde e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, participaron na presentación do proxecto da Real Academia Galega Primavera das Letras, dedicado a Carvalho Calero


Mato invita aos estudantes de Ferrol a falar galego, “é noso, fainos diferentes”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá no ceip Cruceiro de Canido na presentación do proxecto da Real Academia Galega Primavera das Letras, dedicado este ano ao protagonista do Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero. Estiveron presentes Antonio Golpe, concelleiro de Educación e Cultura; Víctor Freixanes, presidente da RAG; Fina Casalderrey, escritora e membro da institución; María Concepción Requejo, directora do centro, e varios profesores. 


O proxecto presentouse no centro escolar ante numerosos estudantes. Trátase dunha ferramenta que naceu no ano 2016 e que busca difundir as figuras dos homenaxeados o Día das Letras Galegas. 

Ángel Mato destacou a figura do escritor ferrolán Carvalho Calero e animou aos
alumnos a ser “conscientes” de que o galego “é algo noso, fainos diferentes”. O alcalde aproveitou a súa visita ao colexio para invitar aos escolares a visitar o Concello de Ferrol e trasladarlle as súas peticións para a cidade. Tamén comunicoulles que o Teatro Jofre representará este ano a mesma obra que eles interpretaron esta mañá tras a presentación de Primavera das Letras, unha historia que narra un feito anecdótico da infancia do seu autor, Carvalho Calero, e titulada As pitas baixo a choiva.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar