Novas

mércores, 12 de febreiro de 2020

Comedia xestual e sons de Tango chegan ao Teatro Jofre esta fin de semana

O próximo sábado terá lugar o espectáculo Kaput e o domingo o Quinteto Nuestro Tiempo fará un percorrido pola música do compositor arxentino Astor Piazzolla


Comedia xestual e sons de Tango chegan ao Teatro Jofre esta fin de semana

A programación cultural do Concello de Ferrol continua este mes de febreiro. Para a próxima fin de semana a concellería de Cultura ten programados dous espectáculos, ambos no Teatro Jofre. 


O sábado, ás 19.30 horas, representarase Kaput, que narra a fuxida inmóbil de dous chalados nun coche, dous compañeiros de viaxe nunha comedia emotiva e disparatada que nos achega ao drama universal das guerras e os seus efectos secundarios desde a risa e o optimismo. Un viaxe sen palabras capaz de divertir e conmover a todos os públicos. As entradas custan 6 euros e xa poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Jofre. 

O domingo, tamén ás 19.30 horas, terá lugar a actuación Tango Maestro & Quinteto Nuestro Tiempo. Trátase dun percorrido pola obra do compositor arxentino Astor Piazzolla, unha das maiores expresións artísticas que a Arxentina deu ao mundo incorporando ao tango elementos do jazz e da música clásica. As entradas son gratuítas e poden retirarse no despacho de billetes do Jofre a partir de mañá xoves. O horario de atención ao público é de martes a venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. Sábados, domingos e festivos de función, abrirá pola mañá de 11.00 a 13.00 e pola tarde dende dúas horas e media antes do inicio da mesma. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar