Novas

venres, 14 de febreiro de 2020

O Concello adxudica as obras de reparación do pavillón de Santa Mariña

A empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. levará a cabo os traballos de eliminación de pingueiras e cambio de portas na instalación deportiva por un importe de case 34.000 euros


O Concello adxudica as obras de reparación do pavillón de Santa Mariña

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Obras e Servizos, que dirixe Ana lamas, vén de adxudicar o proxecto de eliminación de pingueiras e cambio de portas no pavillón polideportivo de San Mariña. Unha actuación necesaria, explica a edil, tras a entrada de auga no interior do edificio. O contrato foi adxudicado á empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. por un importe de 33.867,9 euros e con un prazo de execución de dous meses. 


Esta intervención será a primeira que se executa no pavillón, unha instalación municipal que rexistra moito uso. O proxecto inclúe a substitución de dúas portas exteriores por outras novas antivandálicas e con dispositivos antipánico, a instalación de extintores e carteis indicativos da súa situación, a actualización das medidas antiincendios e a colocación de carteis homologados de saída. 

A reparación en Santa Mariña inclúe tamén a substitución das pranchas de policarbonato na cuberta e na fachada norte, a reposición dun novo cumio, a revisión da totalidade dos parafusos con substitucións dos que estean deteriorados e a limpeza de cuberta, caleiros e baixantes. A intervención tamén recolle a reparación das pranchas de aceiro que presenten pingueiras e a substitución de parte dos caleiros e baixantes que estean deterioradas. 

A concelleira Ana Lamas explicou que a reparación do pavillón dá resposta a unha demanda veciñal que vén de tempo atrás. Esta intervención, engadiu, “é un exemplo máis da vontade do equipo de goberno de mellorar as instalacións deportivas da cidade”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar