Novas

luns, 02 de marzo de 2020

O alcalde recibiu en Curuxeiras a un grupo de peregrinos británicos que están a promover o Camiño Inglés

Ángel Mato estivo acompañado do presidente da asociación de concellos desta ruta xacobea, Manuel Mirás, e o secretario, Pablo Beade, ademais doo deputado provincial Antonio Leira e as concelleiras ferrolás María Teresa Deus e Eva Martínez Montero


O alcalde recibiu en Curuxeiras a un grupo de peregrinos británicos que están a promover o Camiño Inglés

Un grupo de 14 persoas procedentes do Reino Unido comezaron esta mañá en Ferrol o seu percorrido ata Compostela. Ás nove e media foron recibidos na oficina de turismo de Curuxeiras polo alcalde, Ángel Mato; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o deputado provincial Antonio Leira; a concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus; a concelleira de Patrimonio Histórico de Ferrol, Eva Martínez Montero, e o concelleiro de Turismo de Betanzos e secretario da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Pablo Beade. 


Estes peregrinos, que están a promover o Camiño Inglés, partiron da cidade de Durham, o inicio da ruta xacobea en terras británicas. Trátase dunha iniciativa froito dos contactos que a Deputación da Coruña vén facendo dende hai tempo para potenciar o Camiño no Reino Unido, onde xa está sinalizado en parte, e que agora conta tamén co impulso da Asociación de Concellos. 

O alcalde dirixiulles unhas palabras para agradecerlles a súa presenza na cidade e desexarlles que gozasen da viaxe ata Santiago. Por parte do Concello, entregóuselles unha bolsa con folletos informativos sobre a cidade e o Camiño e acto seguido todos xuntos acercáronse ao fito que sinala o inicio da ruta xacobea para tomar unha fotografía de familia. Está previsto que durante o percorrido os peregrinos sexan recibidos tamén nos outros concellos polos que pasarán. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar